Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/06/2018 | Actualizada ás 13:47
O Concello de Santiago abriu ata o próximo 6 de xullo a fase de recepción de propostas para incluílas nos orzamentos participativos, que levará a cabo en seis asembleas veciñais en barrios de toda a cidade. Así o explicou nunha rolda de prensa a alcaldesa accidental da capital galega, María Rozas, na que lembrou que esta iniciativa contará con 1,5 millóns de euros para investimentos e actividades en diversos ámbitos apoiadas pola cidadanía.
En concreto, 400.000 euros irán destinados a proxectos municipais, 225.000 aos barrios da zona noroeste --Galeras, Casas Novas, Santa Isabel e Vista Alegre, entre outros--, 225.000 para a área este --San Roque, Bonaval, San Pedro, Concheiros e avenida de Lugo-- e 450.000 euros para as zonas rurais. Así mesmo, haberá unha partida de 100.000 euros para a área de mocidade --cuxas propostas terán un custo máximo de 15.000 euros-- e a mesma cantidade para as Festas do Apóstolo de 2019 --con 50.000 euros de máximo cada iniciativa--.
A fase de recepción de suxestións levará a responsables do Consistorio a manter seis reunións con asociacións veciñais e outras agrupacións e persoas individuais, xa que, segundo apuntou Rozas, este ano atenderase a outros colectivos como o feminino e o educativo, máis aló do ámbito territorial.
Así, o primeiro dos encontros celebrarase na Casa das Asociacións o vindeiro luns, 18 de xuño, que tratará sobre cultura, mocidade e as festas do Día de Galicia do próximo ano. O vindeiro mércores día 20 haberá outra reunión no Centro Xove de Almáciga para debater sobre as necesidades da zona este. O xoves 21 en casa das Asociacións manterase un encontro sobre educación e deportes, e o vindeiro venres día 22, no mesmo espazo, celebrarase a asemblea do rural. Seguidamente, o 25 de xuño na Casa das Mulleres Xohana Torres falarase das propostas do colectivo feminino, mentres que a última cita, que terá lugar no Local Social de San Lourenzo o día 27, tratará sobre a zona noroeste de Santiago.
FASE DE APOIOS E VOTACIÓN FINAL
Concluída esta primeira etapa, a fase de recollida de apoios permanecerá aberta até o 27 de xullo, durante a cal todos os empadroados na capital galega poden seleccionar as que prefiren para a votación final. Estas serán avaliadas polo persoal técnico municipal, de modo que a fase de votación estenderase desde o 25 de setembro até o 14 de outubro.
Tal e como subliñou a alcaldesa en funcións, a votación realizarase non só a través de Internet no sitio web da plataforma 'Compostela Decide', senón que se habilitarán varias furnas en diferentes locais sociais de Santiago para aqueles veciños que non estean habituados ao uso das novas tecnoloxías.
Rozas tamén indicou que a etapa de votación final incluirá un total de 120 propostas: 40 para o ámbito rural, 20 para a cidade, 20 para a zona urbana leste, 20 para o noroeste e 20 para mocidade e as Festas do Apóstolo 2019.
Segundo cifras ás que se referiu a rexedora local accidental, nos orzamentos participativos de 2018 colaboraron máis de 3.000 persoas en total. Ademais, Rozas fixo fincapé en que os veciños que máis participan son aqueles de as zonas rurais que teñen entre 35 e 45 anos, polo que propuxo "buscar fórmulas" para achegarse aos mozos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.