Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2024 | Actualizada ás 19:24
A comisión de investigación dos contratos da Administración galega volverá reunirse este venres para debater e votar sobre unha proposta do BNG que buscará chamar a comparecer a outras 34 persoas, entre elas o expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo; a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo, como responsable de Eulen para o Noroeste; e Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
A convocatoria acordouna este mércores a mesa da comisión, a pesar de que o PP xa presentou o luns ao resto de grupos o proxecto de ditame que elaborou en solitario tras concluír a fase de comparecencias a semana pasada. O borrador do Grupo Popular, recollido por Europa Press, conclúe que non houbo "nin unha soa tacha de legalidade" nin na contratación menor e de emerxencias emprendida pola Xunta en pandemia, nin no modelo de concesión empregado para o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Neste contexto, a comisión volverá reunirse este venres con ese escrito dos nacionalistas --precisamente, foi o Bloque o que creou este órgano parlamentario-- que ve "necesario", no proceso de elaboración do ditame, que se incorpore nova documentación e que se chame a comparecer a persoas "craves para esclarecer os feitos".
Boa parte da listaxe xa estaba dentro das propostas da oposición --tamén a do PSdeG-- para incluír no plan de traballo da propia comisión. Con todo, a pesar dos contactos que houbo entre os grupos, finalmente os populares sacaron adiante o seu propio plan grazas á súa maioría absoluta.
SOLICITUDE DO BNG
O BNG defenderá este venres a chamada a comparecer doutras 34 persoas, entre elas altos cargos actuais e pasados da Xunta e do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Á parte de Feijóo e a súa irmá, a listaxe inclúe á súa curmá Eloína Núñez, como anterior xerente da área Sanitaria de Santiago-Barbanza.
O Bloque tamén propón ao cuñado de Feijóo, Ignacio Cárdenas, por ser responsable do Grupo Konecta. Unha das firmas deste grupo, Universal Support, deu apoio ao servizo de rastrexo covid. Ademais, figuran a parella de Ayuso, Alberto González Amador, por cobrar comisións pola venda de material sanitario á empresa galega Mape Asesores, á que o Sergas adquiriu máscaras.
O BNG tamén quere que compareza a exdirectora de Turismo de Galicia e actual alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e á secretaria xeral de Presidencia da Xunta, Beatriz Cuíña, por ter familiares con empresas que recibiron adxudicacións por parte da Administración autonómica.
Así mesmo, a listaxe inclúe ao director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, e responsables do bipartito na Xunta (2005-2009), como o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, e o director xeral de Orzamentos, Pedro Antonio Fernández Fernández.
A solicitude do BNG discutirase o venres e todo apunta a que será rexeitada pola maioría absoluta do PP, que xa presentou a súa proposta de ditame da comisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.