O Concello de Santiago prevé que "en próximos días quede resolta" a investigación ao policía por pedir 'mordidas'

Abre un expediente reservado para investigar a actuación do axente, apartado das súas funcións e que negou os feitos ante a instrutora

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/06/2018 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago indicou que "nos próximos días quedará resolto" o expediente reservado aberto a un policía local que está investigado internamente por, supostamente, pedir unha comisión a un veciño a cambio de informar favorablemente dunha construción dun muro e que lle outorgasen a licenza urbanística.

Pazo de Raxoi, Santiago
Pazo de Raxoi, Santiago

En rolda de prensa este xoves, o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, unicamente ratificou a existencia do expediente reservado que se iniciou a principios deste mes de xuño despois de que un veciño puxese en coñecemento do Concello unha "gravación".

A instrución do expediente reservado foi ordenada polo propio alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, despois de ter coñecemento por parte de dúas funcionarias da existencia da gravación na que, supostamente, se lle escoitaba pedir mil euros para informar de forma favorable, segundo ratificaron fontes consultadas.

No marco da instrución do expediente reservado, o axente da policía, que foi apartado a principios deste mes --cando se tivo coñecemento da gravación-- das súas funcións urbanísticas, declarou este mércores ante a persona instrutora e, segundo as fontes consultadas, negou os feitos.

Este policía local pediría, segundo a gravación, unha comisión non para el, senón para funcionarios do Concello co obxectivo de que a licenza dun muro dunha vivenda fose favorable. A gravación desa conversación, segundo as mesmas fontes, foi entregada ao Concello e púxose en coñecemento dos departamentos de Urbanismo e Recursos Humanos, que fixeron chegar o caso á Alcaldía.

Ao coñecer o caso, o propio rexedor ordenou abrir un expediente reservado para instruír dilixencias internas, sen prexuízo de que se se confirman indicios de delito se informe á Fiscalía. O informe estará listo, previsiblemente, a semana próxima, como este xoves ratificou Xan Duro ao ser preguntado polos medios.

"Nos próximos días quedará resolto e quedará listo. Son expedientes complexos, nos que hai que recoller testemuños; non é sinxelo, pero comentaremos se temos algo que comentar", respondeu ás preguntas Xan Duro, que non quixo dar máis datos debido ás características do expediente.

BLOQUEO AO ACCESO URBANÍSTICO

Paralelamente, fontes municipais confirmaron que o alcalde se puxo en contacto co xefe da Policía Local para informarlle da situación, despois de que o axente fora apartado das súas funcións "bloqueóuselle" o acceso aos expedientes urbanísticos mentres se instrúe a investigación interna.

Ademais, o axente implicado na investigación foi recolocado provisionalmente e agora patrulla a cidade. Fontes municipais indicaron que non se tramitou ningunha sanción ao axente mentres non conclúa o expediente interno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta