Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/06/2018 | Actualizada ás 16:42
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confesou este venres que el tamén está "sorprendido" polo auto da Sección Segunda da Audiencia de Navarra que dita a liberdade provisional para os membros de 'La Manada', aínda que reivindicou a "independencia" do poder xudicial e apelou a "acatar" as sentenzas.
Como "responsable dunha institución democrática, deputado e presidente da Xunta", Feijóo subliñou que a "convivencia" nos Estados de Dereito baséase "na independencia do poder xudicial" e tamén "no acatamento das sentenzas". Ao seu xuízo, esta é "a grandeza do Estado de Dereito", aínda que poidan "sorprender determinadas decisións".
Após aclarar estes "antecedentes", que para el son "moi importantes", recoñeceu que, "como calquera cidadán", non oculta a súa "sorpresa" por este auto e, en termos xerais, "por todo este asunto de 'La Manada'".
"Mentiría se dixese que non estou sorprendido", insistiu e, preguntado acerca de que é, en concreto, o que lle causa sorpresa, respondeu que non coñece "con detalle os feitos probados", pero si "algunha información do ocorrido e como unha serie de persoas abusaron de forma absolutamente execrable dunha muller".
"NON CUESTIONAR" A INDEPENDENCIA XUDICIAL
Engadiu que "iso produce sorpresa e non concorda co que se coñece" dos fallos xudiciais, aínda que agregou que os maxistrados poden ter máis datos. "Quizais nos falta unha información detallada, hai algún voto particular na sentenza", sinalou.
Finalmente, asegurou que o ocorrido "non pode dar pé a cuestionar a independencia do poder xudicial nin a cuestionar as sentenzas" porque "sería un grave erro".
"Imos seguir traballando e enviando mensaxes de respecto aos poderes do Estado, pero aos cidadáns gustaríanos poder comprender máis e non sorprendernos do fallo e deste asunto", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.