Por Ángela Precedo | Santiago de Compostela | 22/06/2018 | Actualizada ás 23:32
Comeza outra fin de semana repleta de festas nas localidades galegas e, cada vez máis, tamén fóra de Galicia, xa que as grandes orquestras do noso panorama amplían as fronteiras da súa xira. Esta fin de semana ten como particularidade a súa lonxitude, e é que xa non só falamos de venres, sábado e domingo, non, senón que, a partir deste mes de xuño, os festeiros galegos poderán ampliar a súa axenda e gozar de orquestras durante toda a semana, incluindo os luns, martes e mércores. Quen dixo sono?
Así, comezando pola orquestra Panorama, a favorita do público galego e nacional, podemos dicir que se trata dun bo exemplo desa internacionalización de verbenas –antes exclusivamente reservadas ao ámbito galego e canario--, xa que, de entre as tres actuacións que ten esta fin de semana, dúas delas son fóra do territorio galego.
Así, podemos destacar o seu primeiro espectáculo de fin de semana este venres 22 de xuño na comunidade de Madrid, concretamente no barrio de Rozas del Puerto Real, ademais do sábado 23 en Mareo, Gijón, en Asturias –unha comunidade veciña que cada vez incorpora máis orquestras ás súas festas--. Polo que respecta a Galicia, contará con Panorama o domingo 24 en A Picota, localidade pertencente a Mazaricos, na provincia de A Coruña, onde estará acompañada da Disco Móvil CDC.
Polo que respecta á segunda orquestra máis buscada do panorama autonómico e nacional, cabe dicir que a París de Noia se centrará exclusivamente en xira 'A lo loco la París' pola provincia de A Coruña durante os próximos días. Deste xeito, percorrerá as localidades de Leiro (Abegondo), Melide e Esmelle (Ferrol), entre o venres 22 e o domingo 24 de xuño, respectivamente. Destes días, tan só a actuación do domingo, en Ferrol, será acompañada, na presenza do grupo Samba, cun entorno de campo que disporá de aparcamento, bocatería e zona de atraccións.
Para os canarios de El Combo Dominicano tamén resultará unha fin de semana movida, xa que se desplazarán por tres provincias diferentes para garantir que o seu ‘swing’ chega a todos os recunchos de Galicia. Así, este venres 22 de xuño actuarán en A Coruña, nunha festa privada da que xa deu coñecemento a propia orquestra fai uns días nas súas redes sociais a través dun comunicado oficial. Polo que respecta ao sábado 23, actuará na parroquia de Román, no municipio de Vilalba, na provincia de Lugo, na compaña da orquestra Capricho, a partir da medianoite. Finalmente, para rematar a fin de semana, estará o domingo 24 en A Estrada, nas festas en honra a San Paio, que este ano teñen un ‘cartelón’ no que reúnen ás mellores orquestras de Galicia repartidas entre os seus cinco días de festa.
Pola súa parte, Olympus o venres 22 actuará no barrio ferrolán de San Juan, na provincia de A Coruña, acompañada do grupo Fusión e do artista latino King África –‘Bomba’, 'El Africano', 'Pachanga' e outros recoñecidos temas que foron durante moitos anos canción do verán--, nun espazo habilitado con céspede, aparcamento e atraccións. Polo que respecta ao sábado 23, Olympus actuará en Tameiga, Mos (Pontevedra), na compaña da orquestra La Dimensión, nun espazo de asfalto igualmente habilitado con aparcamento e atraccións. Para rematar a fin de semana, o domingo 24 terá unha actuación de pase único na localidade coruñesa de Carballo.
Finalmente, a orquestra New York tamén percorrerá diferentes provincias durante a fin de semana, coa súa presenza este venres 22 en Anceis, na localidade de Cambre (A Coruña), na compaña da orquestra Los Satélites, e nun espazo habilitado con carpa, bocatería e atraccións. Nestas mesmas condicións actuará o sábado 23 na parroquia de Ove, en Ribadeo (Lugo), a partir das 22,30 horas. Finalmente, o domingo 24 rematará a fin de semana na parroquia Camba San Xoán, en Rodeiro (Pontevedra), xunto á orquestra Galilea.
E NO COMEZO DA SEMANA MÁIS FESTAS
Como ben dixemos comeza agora un tempo de festas continuadas no que o feito de que sexa comezo de semana e polo tanto días de traballo para a maior parte dos galegos --agás para aqueles que aproveitándose do bo tempo xa colleron as súas correspondentes vacacións de verán-- non significa que o seu gozo se quede no pozo.
E é que para os máis trouleiros e para aqueles nos que, como dí o refrán popular “todos os días é festa”, van ter máis de unha e de dúas opcións entre as que escoller para disfrutar das mellores orquestras do panorama galego. Así, para os fans de Panorama, o luns 25 de xuño terana na localidade pontevedresa de A Estrada, nas grandes festas de San Paio, cunha actuación a partir das 22,30 horas da noite. Outra das opción será a París de Noia, que actuará na parroquia de Ortoño, na localidade coruñesa de Ames, na compaña da Disco Móvil CDC Minidisc. E para os fieis seguidores de El Combo Dominicano, poderán gozar da súa presenza en A Riba, no municipio coruñés de A Baña.
Asimesmo, tamén a Olympus ofrecerá unha actuación o luns 25, na localidade pontevedresa de Poio, na compaña do grupo de rock América de Vigo. E, a New York, pola súa parte, actuará ese mesmo día na parroquia de A Viña, en Irixoa, na provincia de A Coruña.
Por outra banda, o martes 26 descansarán a maior parte das formacións, agás a orquestra Panorama, que ofrecerá o seu espectáculo en Calo, no municipio coruñés de Teo, próximo a Santiago. Sen embargo, o mércores 27 retornan as tres grandes formacións, comezando con Panorama na parroquia de Vilalonga, en Sanxenxo (Pontevedra), na compaña do grupo Claxxon; seguida da París de Noia nas festas de San Paio en A Estrada, a partir das 00,30 horas, tras a actuación da orquestra Cinema ás 22,30; e, finalmente, El Combo Dominicano, no municipio coruñés de Lousame, xunto á orquestra Ibiza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.