Temas: OBESIDADE

Un 18,37% de galegos padece obesidade

A obesidade infantil afecta ao 6,2% dos menores de 18 anos. O 64,6% da cidadanía cre que o seu estado de saúde é 'bo' ou 'moi bo'.

Por E.P. | VIGO | 26/06/2018 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O 64,6 por cento dos galegos, máis de 1,7 millóns, valoraron o seu estado de saúde xeral como 'moi bo' ou 'bo' durante 2017, mentres que, no outro extremo, 39.100 declararon ter un estado de saúde 'moi malo', segundo os datos da Enquisa Nacional de Saúde publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística. Unha enquisa que revela un dato preocupante, case un de cada cinco galegos padece obesidade.

Unha muller con problema de obesidade
Unha muller con problema de obesidade | Fonte: Wikimedia.

Con respecto ás características físicas da poboación, a Enquisa Nacional de Saúde reflicte que 406.500 galegos adultos (un 18,37 por cento) padecen obesidade, un problema que afecta por igual a homes e mulleres. Este índice sitúase algo por riba da media española, que está no 17,43 por cento.

No caso da poboación infantil, de 2 a 17 anos, o índice de obesidade é do 6,18 por cento, e afecta a 19.000 menores galegos. A media nacional de obesidade infantil é do 10,3 por cento.

ESTADO DE SAÚDE

Segundo ese estudo, realizado en todo o territorio español a partir de entrevistas persoais en 37.500 vivendas unifamiliares, dunha poboación de 2,7 millóns de galegos, 292.500 declararon ter unha saúde 'moi boa', mentres que 1,44 millóns cualificaron a súa saúde de 'boa'. Así mesmo, os galegos con 'saúde regular' foron 704.400; os que cualificaron o seu estado de saúde como 'malo' foron 208.200; e os que o cualificaron como 'moi malo' foron 39.100.

Por outra banda, a Enquisa Nacional de Saúde tamén reflicte que, en 2017, había en Galicia 604.700 persoas (das que 331.700 eran mulleres) que declaraban ter problemas de saúde que limitan as actividades da súa vida cotiá.

A ese respecto, o informe publicado polo INE reflicte 498.300 enquisados con problemas físicos; 42.100 con problemas de saúde mental; e outros 64.300 enquisados que referiron problemas de ámbolos dous tipos. Así mesmo, ponse de manifesto que 32.900 galegos non podían realizar ningunha das actividades básicas da vida diaria e que 28.700 realizábanas con moita dificultade.

TABACO E ALCOL

En canto ao número de fumadores, a enquisa sinala que 421.900 galegos (maiores de 15 anos) decláranse fumadores diarios, un 17,83 por cento da poboación, fronte ao 22,08 por cento da media española. Así mesmo, reflíctense 11.700 fumadores ocasionais, 656.500 exfumadores e 1,2 millóns de galegos que declaran non fumar nunca.

Con respecto ao consumo de alcol, 409.000 galegos declararon facelo a diario, 177.400 referiron un consumo semanal, 585.200 sinalaron que consomen alcol mensualmente (menos dunha vez por semana), 255.600 aseveraron que consomen menos dunha vez ao mes, e outros 434.100 declararon non facelo nunca.

Temas: OBESIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 angelhernandez

ás persoas que padecen obesidade esta web pode axudalos.