Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/07/2018 | Actualizada ás 12:02
Este primeiro de xullo entrou en vigor a normativa que obriga os comercios para cobrar as bolsas de plástico dun só uso e esixe a súa retirada do mercado a partir de 2021. A lexislación tamén inclúe a prohibición das bolsas de plástico oxodegradable en 2020. Un material que se divide en pequenas partículas de plástico en moi pouco tempo; bolsas que adoitan ter un tempo de vida menor que as bolsas de plástico habituais. A pesar destas medidas, dende a asociación ecoloxista Amigos da Terra cren que a normativa "queda a medio camiño". Consideran que a chave da solución está no modelo de consumo.
"A pesar destes avances, a normativa permite que as bolsas se substitúan por bolsas biodegradables, polo que a proposta segue afondando no modelo de usar e tirar. Con este Real Decreto non se limita a extracción de recursos naturais senón que se traslada o problema dun material a outro", asegura a asociación. Ademais, entenden que non todas as bolsas biodegradables están compostas por materiais 100% orgánicos, e afirman que algunhas seguen tendo porcentaxes de plástico procedente de petróleo na súa composición. Doutra banda, "as bolsas compostables xeran problemas se acaban nos fluxos de reciclaxe do plástico convencional, reducindo a calidade do plástico reciclado".
Por este motivo, Amigos da Terra considera que "se perdeu a oportunidade de promocionar a redución real de residuos, de apostar polas alternativas reutilizables e duradeiras, como as bolsas de tea, capazos ou carriños". Á súa vez, a organización ecoloxista sinala que a medida chega "demasiado tarde" e recalca a necesidade de poñer en marcha propostas para reducir a contaminación por plástico procedente de diferentes envases e produtos desbotables, pola "gravidade" do problema. As previsións elaboradas pola Fundación Ellen McArthur indican que, se non se cambia o modelo de consumo e xeración de residuos plásticos, en 2050 haberá máis plástico que peixes nos océanos.
”Levamos anos reclamando medidas efectivas para eliminar as bolsas de plástico dun só uso e outros produtos como pratos, vasos, cubertos, e reivindicando alternativas reutilizables. O real decreto de bolsas é un primeiro paso neste camiño, pero debería ser máis ambicioso”, sinala María Durán, responsable de Recursos naturais e residuos de Amigos da Terra. Segundo eles, unha vez posta en marcha a medida de redución de bolsas de plástico é necesario empezar a traballar noutros produtos, tal e como expón a Unión Europea no borrador de Directiva de plástico dun só uso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.