O borboneo de Felipe VI

Hai poucos días escrebíamos nestas páxinas arredor do rol histórico da Monarquía borbónica como axente institucionalizador e estabilizador dun Deep State hoxe constituído arredor dos sectores regulados do IBEX 35(“capitalismo castizo do BOE”), nomeadamente os seus lobbies financeiro, de distribución eléctrica e construtor-concesional e os seus brazos mediáticos madrileños.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 08/07/2018

Comparte esta noticia

Historicamente,a dinastía borbónica caracterizouse sempre polo seu intervencionismo nos asuntos políticos, polo “borboneo”.Fernando VII voltou impór o absolutismo nas súas reaccións de 1814 e 1820. O seu neto, Alfonso XII, recuperou o trono da súa nai pola forza bruta do golpe de estado do xeneral Martínez Campos (1874). O bisavó do Rei actual, Afonso XIII, apoiou os  golpes de estado de 1923, do xeneral Primo de Rivera(que lle habería custar a Coroa) e, xa no exilio, o do ditador Franco no 1936.

O Rei Felipe V
O Rei Felipe V

No caso de Felipe VI a abdicación do seu pai baseouse nun pacto do bipartidismo dinàstico PP-PSOE que permitira manter un “status quo” en risco pola recesión económica e máis polo dano reputacional sofrido polos seus pai, irmá e cuñado. Mais axiña constatamos a falla de pulo real por alargar a base social da Monarquía, corrixir os graves erros da transición ou tentar reformas sociais e territoriais precisas. Pola contra, Felipe VI tense ancorado en concepcións inmobilistas no político e pouco críticas das inxustizas sociais xurdidas da Grande Recesión.

Canto á cuestión catalá, foi Felipe VI quen decidiu ser rei de parte e porse á fronte dos que pedían a suspensión da autogoberno catalán e medidas penais contra os líderes soberanistas, no canto de explorar as marxes do seu mandato constitucional como árbitro e moderador para garantir unha solución negociada.

Polo medio Felipe VI continuou o seu rol de relacións públicas das grandes empresas españolas, que desfrutan de todo o apoio exterior que se lle nega á internacionalización das nosas pequenas e medianas empresas.  

Para máis, falta nel e na súa contorna a –relativa-empatía do seu pai. Semella,pois, que a mensaxe a transmitiren é que a Coroa está cómoda facendo de chave de bóveda dun sistema de parte que xa non só refuga aos que acreditan nun Estado  plurinacional, senón tamén aos que denuncian os recurtes de liberdades, os oligopolios enerxéticos, concesionais e  bancarios ou a falla de sensibilidade social.  
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.