Por Moncho Mariño | Santiago | 14/07/2018 | Actualizada ás 14:00
A protagonista vive cunha serie de condicionantes físicos ademais de ter unha relación cunha parella moito máis nova ca ela. Quen é máis besta, quen arrodea os personaxes ou os personaxes mesmos?
Máis besta é a sociedade que arrodea os personaxes. Os protagonistas son bestas no sentido de buscar mecanismos para a adaptación, para a integración que é un elemento importante da novela. Por iso grande parte do traballo ten moitas metáforas sobre a fauna e modos de adaptarse ao medio. As personaxes fan algo semellante e cada capítulo leva por título unha referencia a unha especie ou animal. A bestialidade está na contorna hostil e na capacidade dos personaxes para adaptarse como fai calquera ser vivo.
A quen non lle gustaría ler esta novela?
Non che sei, ao mellor a moita xente, pero non teño un prototipo de lector ou lectora que diga non querer lelo. Pode ser un libro difícil, pode ser un libro mesmo duro porque a protagonista non ten unha vida fácil.
Como fixeches ti para meterte na mente dun personaxe como a protagonista, unha persoa cando menos poliédrica?
Ela ten moi claro o que é integrarse no que é aparente, normal e sinxelo. No seu caso é moi extremo, porque ten unha malformación aparente, visual e clara que rompe co que é a simetría como exemplo de perfección ou “normalidade”. Non obstante, todos nós temos trazos, filias, fobias, defectos e medos que teñen que ver moito co maior ou menor grao de verse reflectido noutro. Introducirse nun personaxe como este non é un exercicio de psicoloxía, pero forma parte do traballo literario. Por outra banda, considero que o libro cuestiona moitos aspectos da aceptación e integración, aínda que hai unha frase dentro do libro que di “a integración é un mito”. Este é un libro que lle dá moitas voltas ás cousas, é reflexivo nese setido.
Mentres escribías este libro sentíaste máis sensible ás condicións que viven as persoas que teñen os mesmos ou semellantes pareceres ou doenzas que a protagonista?
É intentar poñerse na pel desa persoa e ver a perspectiva de que pode haber ou ter un na imaxinación. Moitas veces é cuestión de sensibilidade.
Nalgún comentario sobre “A simetría das bestas” dise que fala sobre os traumas que se van herdando. Escribir libera de traumas?
A ver, no libro tamén se tratan traumas desde unha terceira persoa, que van pasando dunha xeración a outra. E escribir funciona como liberación en moitos casos, poñer as ideas en orde aínda que sexa para literatura, ten o seu aquel de liberador. A verbalización e sacar as cousas da cabeza é limpeza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.