Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/07/2018 | Actualizada ás 12:14
Os baixos prezos da madeira de piñeiro dos últimos anos provocaron que as plantacións de piñeiro en Galicia foran perdendo terreo fronte a outras especies. Ante esta situación, FINSA e a Asociación Forestal de Galicia sinalaron que “resulta urxente e necesario formular un plan de restauración dos montes de coníferas no que puideran participar os propietarios forestais, empresas de servizos e industria da madeira interesada na recuperación destas masas arboradas”.
Así, ambas empresas asinaron un plan para revalorizar os montes de piñeiro, tras identificar unha gran oportunidade de mercado en Europa desta madeira e prever un incremento importante da demanda actual e futura. Especialmente, destacan, "por parte das grandes superficies comerciais, e dos sectores dos equipamentos e da construción, dentro dun contexto xeral de revalorización da madeira como un elemento construtivo sustentable e respectuoso co medioambiente".
O ACORDO
O acordo foi asinado por José Carballo García, secretario xeral do Consello de Administración de FINSA, e por Francisco Fernández de Ana Magán, presidente da Asociación Forestal de Galicia; tras un proceso de colaboración que se iniciou hai oito meses E trátase, segundo ambas empresas, dun "acordo pioneiro e aberto a todo o sector, que pretende que as distintas partes traballen de forma coordinada, de xeito que a industria se comprometa a adquirir a madeira para a súa transformación en produtos de máis valor engadido e a acordar uns prezos atractivos para o silvicultor".
Esta iniciativa será presentada durante as próximas semanas ás organizacións forestais, comunidades de montes e ao resto da industria do aserrado e do sector viveirista. O obxectivo acordado é que o plan, xa con medidas concretas, será presentado á sociedade galega antes do 30 de setembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.