As torres de alta tensión volven ameazar poboacións de Galicia e Portugal

Xa hai novo trazado da Liña de Alta Tensión que conectará os dous países e que fora rexeitado pola UE que levará a electricidade para Europa. Afectará a 121 núcleos de poboación e modificará o polémico trazado orixinal tras o tirón de orellas de Bruxelas.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 16/07/2018 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A Entidade Reguladora dos Servizos Enerxéticos (ERSE) e Red Eléctrica Española (REE) deron luz verde a proxectos de transporte de electricidade. Un proxecto que custa 474 millóns de euros e que deberá estar listo en 2022. En cinco anos deberá haber unha nova conexión a 400kV entre Galicia e Portugal, un proxecto que fora atrasado en 2015 pola forte oposición veciñal e o rexeitamento de Bruxelas. Tras ser sometido a novos estudos, xa está listo un novo proxecto para levar esa enerxía ao circuíto eléctrico europeo.

O polémico proxecto pretendía unir Vila do Conde, Vila Fría e Frieira, en Arbo. Pero a proximidade desta liña ás casas, as consecuencias dos campos electromagnéticos sobre a saúde humana ou o impacto visual de torres con 75 metros de altura provocaron numerosas mobilizacións tanto en Portugal como en Galiciaque provocaron a intervención da UE.

Tras os cambios, as dúas novas liñas de 400 KV afectarán a oito dos dez concellos orixinais do distrito de Viana do Castelo e pasar por Vila Nova de Famalicão, Barcelos, Vila do Conde e Póvoa de Varzim, atravesando, potencialmente, 121 freguesías. En Galicia non se sabe se os concellos afectados son os de Arbo ou Salvaterra.

O ente eléctrico portugués suliñou que os novos cambios non suporán subas na factura da tarifa eléctrica. Ademais, entre os proxectos de investimento con “luz verde” nos próximos cinco anos están a liña de 400KW entre Falagueira-Estremoz-Divor-Pegões e Évora-Elvas/Encala e a conexión Fundão- Falagueira.

VISITA DE FEIJÓO

Curiosamente, este anuncio coincidiu coa visita que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo a Portugal hai uns días. Alí trasladoulle á secretaria de Estado de Industria de Portugal, Ana Teresa Lehman, a necesidade de valorar a construción da liña de alta tensión (LAT) entre Arbo e Ponte da Lima "para que as enerxías excedentes de ambos os países se poidan interconectar e evacuar cara a outros lugares de Europa se o precisa nun momento puntual”.

Este novo trazado tampouco agrada aos partidos e entidades críticas. A Agrupación de Electores de Arbo (Agrelar) reiterou xa a súa oposición ao considerar "innecesaria" esa liña e reactivou as comunicacións cos movementos sociais en Portugal. Ademais, xa alertoua Bruxelas respecto diso.

TIRÓN DE ORELLAS DE BRUXELAS

Precisamente, hai pouco máis dun ano, a Comisión Europea rexeitou o proxecto orixinal e reclamou a presentación dun novo trazado xa que prevía o paso dunha liña de alta tensión a tan só 20 metros de distancia de casas habitadas.

Catharina Sikow-Magny, xefa de unidade B1 da Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea, indicaba que o novo trazado proposto percorrerá, no tramo galego, o sur da provincia de Pontevedra, como o facía o seu predecesor, pero pasará "máis afastada de núcleos habitados". A representante da Comisión Europea comprometeuse, ademais, a pedir máis información sobre esta nova proposta e a transmitila á veciñanza da comarca en canto sexa posible.

Estación eléctrica con liñas de alta tensión
Estación eléctrica con liñas de alta tensión

Manifestación internacional de galegos e portugueses contar unha liña de alta tensión
Manifestación internacional de galegos e portugueses contar unha liña de alta tensión | Fonte: Vigoalminuto
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta