Temas: ALBOR

Último adeus a Fernández Albor: "Morreulle a Galicia, á que tanto amou"

Feijóo destaca o "galeguismo integrador" e a "lealdade ao Estado" do expresidente galego, mentres Pablo Casado o erixe en "gran humanista".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2018 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

A Catedral de Santiago acolleu este luns o funeral institucional para dar o último adeus ao expresidente da Xunta Gerardo Fernández Albor. "Morreulle á súa familia, á que quixo entrañablemente. Morreulle a Galicia, da que tanto amou a súa cultura e as súas xentes. Morreulle a Europa, a quen serviu", expresou o arcebispo de Santiago, don Julián Barrio, quen se encargou de presidir o acontecemento.

Funeral institucional do expresidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor
Funeral institucional do expresidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor | Fonte: Europa Press

Á misa acudiron diferentes autoridades e personalidades, como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; os exdirigentes do Goberno galego Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; o presidente do PP, Pablo Casado; o membro do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría; e o xefe do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices.

Antes da lectura do evanxeo, o arcebispo de Santiago saudou ás autoridades presentes no funeral, para despois destacar de Albor os seus "grandes valores da civilización occidental de Europa", así como a súa "xenerosidade" e "humanismo cristián no que viviu". Pola súa banda, en declaracións aos medios, Feijóo erixiu a Albor nunha figura que marcou Galicia coa súa "forma de gobernar, a súa forma de relacionarse co pobo e a súa forma de entender o autogoberno galego e o galeguismo institucional". Así mesmo, o dirixente autonómico asegurou que a homenaxe forma parte do testamento oral do expresidente da Xunta: "Meses antes de falecer me chamou e me dixo que quería un funeral na Catedral".

"É unha honra poder cumprir o mandato e despedilo na Catedral, que é onde el quería estar, do que el presumía en calquera lugar do mundo. Como europarlamentario a levou por toda Europa", asegurou Feijóo. A continuación, destacou da figura de Albor o "bilingüismo cordial" que, ao seu modo de ver, defendeu, "cun galeguismo integrador e lealdade ao Estado".

"AMIGO E COMPAÑEIRO"

Pola súa banda, Ana Pastor acudiu á capital galega "para honrar a memoria de Albor" porque, segundo engadiu, para ela era "amigo e compañeiro". "Estamos emocionados e rendéndolle aquí o que quería que fose a súa última homenaxe na Catedral de Santiago", indicou.

O recentemente electo presidente do PP a nivel nacional, Pablo Casado, subliñou a figura de Albor como "gran humanista" que "expuxo o que hoxe en día é unha referencia para o PPdeG: O galeguismo cordial que fai que en Galicia o PP siga sendo a opción preferida". Ademais, destacou que o expresidente da Xunta era unha "persona austera": "Tal e como me contaban, recibía nos seus primeiros anos como presidente da Xunta nunha cociña e nunha saliña dun piso humilde desta terra".

A EUCARISTÍA

A misa solemne, que contou tamén coa familia do expresidente, así como cos conselleiros da Xunta, comezou sobre as 18,00 horas coa entrada dos restos de Gerardo Fernández Albor ao altar. Xa cara ao final da eucaristía, o arcebispo ofreceu a hostia sacra aos parentes do falecido e aos alí presentes. Até el se achegaron a comulgar o presidente do PP, Pablo Casado, e o xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, aínda que Feijóo, Ana Pastor e o resto de expresidentes autonómicos non o fixeron. Este non será a última homenaxe Fernández Albor, posto que, coincidindo coa data na que cumpriría 101 anos --o 7 de setembro--, o Partido Popular de Galicia honrará ao que foi o primeiro presidente autonómico.

Temas: ALBOR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Nun Estado aconfesional por que carallo hai que facer funerais confesionais institucionais? Por que aqueles políticos, como Touriño ou Laxe, que (a lo menos na teoría) defenden un comportamento laico por parte das Administracións Públicas acuden en calidade de representantes do público (ex-presidentes) a actividades de caracter confesional?