Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela a | 25/07/2018 | Actualizada ás 13:26
Os traballadores do Hostal dos Reis Católicos pararon. E fano nestes días tan sinalados, o 24 e o 25 de xullo, "como medida de presión para conseguir que Paradores cambie o seu talante ríxido e absolutista". Consideran necesario protestar ante "a nula disposición ao diálogo, a nula comprensión da problemática do Hostal e ante a negativa permanente ao acordo da actual directiva de Paradores".
Os traballadores lamentan que Paradores non negociara melloras para o persoal, o que, segundo din, "contrasta cos anos de mellora na conta de resultados da empresa, que non repercutiu nos traballadores". A situación non mellorou e incluso empeorou: "non só non repercutiu senón que sufrimos continuos recortes nos postos de traballo e nas condicións laborais".
Ante a problemática, o persoal do Hostal RRCC espera que co cambio do panorama político, e con iso, da directiva de Paradores, poida abrir unha nova vía para solucionar estas cuestións. Tamén desexa que "a directiva entrante teña vontade de acordo e de respecto e ánimo de negociación, non como ata agora". Así pois, pretende que o futuro do Hostal pase polas melloras das condicións de traballo.
"Non pretendemos prexudicar á cidade de Santiago de Compostela, da que formamos
parte indisoluble, e sobre todo, esperamos e desexamos unha nova actitude de negociación,
por parte da nova directiva de Paradores. Con isto, emprazamos a esta nova cúpula, a sentar a negociar connosco axiña que tomen consciencia da gravidade deste problema", rematan o seu comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.