Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2018 | Actualizada ás 15:29
En Marea celebrou o Día da Patria este mércores, 25 de xullo, cun chamamento á unidade como "espazo aberto" e de encontro e debate político, en palabras do seu portavoz, Luís Villares, quen defendeu isto como algo compatible coa "diversidade" e os actos por separado dos partidos que integran a formación (Anova, Podemos e Esquerda Unida).
Cun acto no parque de Vista Alegre de Santiago, a tan só uns centos de metros do que celebrou Anova, Villares valorou que "sería formidable" repetir esta xornada a imaxe que se deu no recente encontro de Compostela Aberta, onde estiveron presentes referentes deste espazo político. Previamente, sinalou o seu convencemento de que non vai a haber ruptura de En Marea.
En calquera caso, en declaracións aos xornalistas ao comezo, apuntou que o que lle "gusta" é contar con "espazos de celebración, de encontro, de debate político", onde poidan atoparse. "Desde logo, sería formidable que tivésemos esa imaxe hoxe, porque é un espazo aberto o que temos aquí hoxe, sen portas, sen cancelas, onde podemos atoparnos", subliñou.
E é que, mentres Anova desenvolvía a súa festa polo Día da Patria no parque de Galeras, Podemos facía o propio na localidade luguesa de Sarria e Esquerda Unida, en Mugardos (A Coruña). Á de En Marea, baixo unha carballeira, acudiron deputados como Davide Rodríguez, o ex podemita Pancho Casal e Paula Vázquez Verao, así como a eurodeputada Lídia Senra e a concelleira de Compostela Aberta Concha Fernández, entre outros.
Os participantes asistiron á actuación da cantante Najla Shami, seguida dun diálogo entre Villares e a vicepresidenta da Generalitat valenciana Mónica Oltra, de Compromís, que desenvolve desde este martes unha axenda de actos tanto institucionais como de partido en Galicia.
"GOBERNO Á ALTURA"
Após anularse finalmente o mitin en clave de humor previsto para ironizar sobre a confluencia, o acto de En Marea consistiu nunha comida "de fraternidade" con churrasco como prato principal e a continuación actuacións para os máis pequenos. "QUEREMOS UN GOBERNO Á ALTURA"
Villares proclamou a necesidade de contar con "un goberno á altura" da "boa xente" que durante este ano demostrou formar parte dunha "sociedade civil viva", que protestou en contra de "inxustizas" como o proxecto mineiro planeado para os concellos de Touro e O Pino (A Coruña).
Así, reivindicou que En Marea é un proxecto "que busca traballar para esa xente" e reiterou que "todo o que sexa distraerse de aí son debates que a ninguén deben interesar" e que a el non lle interesan.
"O que queremos é un goberno á altura desta boa xente que parece que vive á intemperie porque non ten un goberno digno", resaltou, con alusións ao "latexo" da "nación que non se resigna ante as inxustizas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.