Por Galicia Confidencial | O Grove | 27/07/2018 | Actualizada ás 16:03
Confirmado: a balea azul atopou en augas galegas un refuxio. Logo de varios avistamentos sorprendentes o pasado ano, o Instituto para o Estudo dos Mamíferos Mariños (BDRI, polas súas siglas en inglés), con base no Grove, avistou este xoves un exemplar de Balaenoptera musculus —o animal máis grande do mundo— á altura da costa de Cariño.
Trátase dun exemplar xuvenil de 18 metros de lonxitude que na súa etapa madura pode chegar a medir entre 24 e 27 metros de lonxitude e pesar entre 100 e 120 toneladas, aínda que hai exemplares que case acadan os 30 metros e as 173 toneladas.
A identificación desta balea produciuse nun período espectacular de avistamentos para o BDRI, tras descubrir baleas comúns e alibrancas nas pasadas semanas e unha balea xibarte de hai uns días en Fisterra, ademais de preto de 3.000 golfiños comúns alimentándose á altura das illas Cíes onte.
O novo avistamento levaría a pensar que a presenza de baleas azuis en augas galegas non foi algo casual e anecdótico e estarían achegándose á nosa costa para dar conta dun bo banco de alimentos que para elas é un paraíso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.