Os concellos de Silleda e A Baña tamén se opoñen á mina de Touro

A día de hoxe xa son 37 concellos xunto coas Deputacións da Coruña e Pontevedra as institucións que de xeito oficial rexeitan o comprometido proxecto da mina O Pino-Touro, a unhas semanas de que se cumpra un ano da súa publicación no DOG.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 30/07/2018 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Esta mañá os concellos da Baña e Silleda  posicionábanse contra o polémico proxecto de extracción de cobre na mina de Touro. A primeira hora da mañá, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña (PSOE) presentaba no pleno a moción que as plataformas Mina Touro – O Pino NON e en Defensa da Ría de Arousa levaron xa polos concellos da ría e da conca do Ulla. Ao medio día, o concelleiro César Ramos (CxG) facía o mesmo no Concello da Baña. En ámbolos dous casos as mocións foron aprobadas de xeito unánime polos concelleiros de todos os grupos municipais. Actualmente son 37 concellos e as Deputacións da Coruña e Pontevedra as institucións que de xeito oficial rexeitan o proxecto mineiro, a unhas semanas de cumprirse un ano da súa publicación no DOG.

Terreos da mina de Touro
Terreos da mina de Touro

RECOÑECEMENTO Á PLATAFORMA CONTRA A MINA

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON recibiu durante a celebración da X Festa da Palabra no Carballiño o recoñecemento pola Defensa e Conservación do Medio Ambiente que outorga a Fundación Ínsua dos Poetas. Nesta edición da Festa da Palabra homenaxeabase a figura de Víctor Campio. Isabel García, da plataforma, quixo compartir o premio coas veciñas e veciños de Touro e O Pino pero tamén con “todas aquelas persoas que se ven nunha situación similar coa que nós temos agora”. García aproveitou, mentres recollía o galardón, para salientar o traballo e compañeirismo da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e das máis de 140 asociacións e as xa 39 institucións que apoian á plataforma no seu rexeitamento da megamina de cobre a ceo aberto nos municipios coruñeses. No acto estaban presentes Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Xosé Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.

A MOCIÓN

Os puntos que recolle a moción son dous. O primeiro instar ás Consellerías do Mar, Medio Rural, a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Cultura e Ordenación Universitaria e á de Economía, Emprego e Industria a emisión de informes negativos tal e como procede polas consecuencias negativas descritas e todas as que en alegacións se presentaron polas entidades e particulares. De ser así, desestimar a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429. Para a protección do Camiño de Santiago e da actividade económica estratéxica e fundamental dos concellos de Touro e O Pino baseada na agricultura, a gandeiría, as industrias agroalimentarias e forestal, o turismo, a hostalería e os servizos.

No segundo punto ínstase á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados e drenaxe ácida, para como mínimo asegurar que non se siga comprometendo a calidade ambiental dos afluentes do río Ulla e por tanto da rede Natura 2000,  que verten dos terreos da anterior mina ó río Ulla e de ahí á Ría de Arousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta