Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2018 | Actualizada ás 18:15
A Consellería de Facenda remitiu unha nova proposta de acordo laboral aos sindicatos que representan ao colectivo de axentes forestais e ambientais de Galicia, que estes cualificaron de "insuficiente" após unha primeira valoración.
Fontes deste colectivo consultadas por Europa Press explicaron que o documento, enviado ás centrais a última hora da mañá, é "practicamente unha copia" do abordado na reunión deste martes, na que non houbo achegamentos entre as dúas partes.
Así as cousas, a súa intención é continuar coa folga indefinida no Medio Rural "até atopar solución para garantir a seguridade dos compañeiros de medio ambiente", motivo polo que suspenderon "temporalmente" o paro convocado para estes últimos axentes. Este xoves está previsto que o comité de folga dea unha rolda de prensa en Santiago.
O encontro do martes non serviu para achegar posturas e traduciuse nunha suspensión da folga convocada para o colectivo de axentes ambientais, que tiña uns servizos mínimos establecidos no 20%. Os profesionais argumentan que esta decisión se tomou por motivos de seguridade, xa que ven inviable desenvolver servizos como os de pesca e caza cun só compañeiro.
O que se mantén é o paro indefinido en axentes forestais, aínda que, ao contar cuns servizos mínimos do 100%, non ten efectos na práctica. Os sindicatos convocantes, UXT e CIG, aseguran que o seguimento este 1 de agosto foi "maioritario". "Aínda que esteamos en servizos mínimos a xente apoia a folga", afirman as fontes consultadas.
Entre outras cuestións, os axentes forestais e ambientais reclaman un cambio na súa xornada laboral, unha subida económica que non estea vinculada á realización de gardas senón que se plasme no complemento específico, unha segunda actividade que garanta non estar en primeira liña de lume aos traballadores de máis idade e modificar os coeficientes reductores de cara á xubilación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.