Os lobos volven á Serra do Barbanza, pero están en perigo de morte

A asociación medioambiental AXENA advirte que a manda de lobos que regresou ao seu hábitat natural está ameazada pola presenza e actuación duns cazadores furtivos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/08/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os lobos volven vivir no seu ecosistema natural: a serra do Barbanza. Mais en AXENA teñen claro que a principal garantía que teñen os lobos de sobrevivir nun ambiente humano tan hostil como a Serra do Barbanza é o anonimato. E acontece isto porque, segundo a asociación, polo menos dous grupos de furtivos andan rondando o monte: "uns xa vellos coñecidos das autoridades e outros entre os que se atopa xente moi coñecida da comarca, están a asexar continuamente a estes animais para darlles caza", aseguran.

Os furtivos na Serra do Barbanza
Os furtivos na Serra do Barbanza | Fonte: AXENA

Xa acontecera no ano 2012 situación semellante. Por aquelas extermináronse os lobos do Barbanza "mediante prácticas ilegais e escusas que logo se demostraron falsas", comentan dende AXENA. A día de hoxe, a matanza desta nova manda de animais pode ocorrer de maneira "inminente".

Estes feitos xa foron postos en coñecemento das autoridades, a quen AXENA lles pide que investiguen estas actividades para evitar que asasinen de novo aos lobos. Así mesmo, solicitan á Xunta de Galicia que non concedan ningunha batida de xabariles na zona, xa que podería ser utilizada como unha cazaría de lobos encuberta.

A lexislación vixente protexe aos lobos destas prácticas criminais, e son un valor innegable do noso patrimonio natural, cultural e do turismo sustentable. "Os lobos son un patrimonio de todos. Non estamos dispostos a que a historia volva repetirse", advirten.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta