Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/08/2018
Vimos de coñecer a enquisa do CIS de xullo que lle prognostica a En Marea a perda da metade dos votos acadados nas eleccións de decembro de 2015. Dados moi malos, malia que a cociña de Tezanos fose nomeadamente agresiva cos mareantes. De calquera xeito non é precisa unha bola de cristal para albiscar nebuloso o futuro mareante nunhas vindeiras estatais. Á lea xerada por Podemos, EU e algúns outros co “affaire” Paula Quinteiro compre engadirlle o propio cuestionamento das esquerdas españolas actuantes (máis ben paralisantes) do espazo de confluencia galega a respecto da fórmula aprobada no 2016 dun partido de adscrición individual e soberanía galega. E, no ámbito estatal, o grande fracaso da coalición “En Marea” para que se lle percebise como forza de noso. Mentres Compromís existe en Madrid En Marea non existe, malia os laudábeis esforzos de Fernàn Vello e de Alexandra Fernández.
O BNG sería beneficiario de bastantes dos votos que en último de contas poida perder En Marea, mais isto non lle dará representación de seu dende unha lóxica de competición. Porque os números só fan posíbel un xenuino Grupo galego (mínimo 5 deputados e un 15% de votos en cadansúa circunscrición) ou, cando menos, unha potente presenza no Grupo Mixto que faga recognoscíbeis os intereses do noso País dende a suma alxebraica, dende a multiplicación, dende a cooperación. Nunca dende a competición.
A propia crise/queda de Podemos e máis a experiencia nestes tres anos dende que se tentou artellar a non nata grande Maré galega (morta de morte matada dende as executivas de Podemos, EU, Anova e BNG) obriga ser intelixentes e xenerosos. A cidadanía precisa do BNG, de En Marea, de Compromiso por Galicia e de milleiros que hoxe non partillan ningunha destas opcións. Precisa do entendemento dunha grande coalición nacional, nunha candidatura galega, no entendemento entre soberanistas e autonomistas que os corsos acadaron e con él a maioría absoluta. Malia terse atacado gravemente, mesmo con armas de fogo, no pasado.
E quen xogue en clave estatal que xogue o seu xogo, como Antón Peruleiro. Porque non hai tempo xa para parvadas.