Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2018 | Actualizada ás 17:42
O grupo parlamentario de En Marea esixiu este luns a comparecencia parlamentaria do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para "dar explicacións" sobre a morte dun home falecido este sábado na PAC da Estrada (Pontevedra) sen atención médica. Segundo a versión do Sergas, padecía unha "enfermidade crónica avanzada" e foi atendido polo persoal de enfermaría do centro de saúde, xa que a médico saíra para atender unha urxencia.
Segundo informou o partido instrumental, a vicepresidenta da Cámara autonómica e deputada Eva Solla lembrou que o seu grupo denunciou, "en repetidas ocasións, a necesidade de incrementar o número de profesionais" nos centros de saúde. E é que, tal e como proseguiu, nos PAC galegos é "habitual" que os médicos "teñan que saír do centro para atender ás urxencias deixando sen asistencia estes puntos". Por iso, Eva Solla ve "urxente" e "obrigatorio" que o conselleiro de Sanidade explique "por que non se cobre a baixa na Estrada e que medidas van tomar". Así mesmo, a deputada trasladou o pésame á familia do falecido.
"FALTA DE PLANIFICACIÓN"
Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, culpou da morte do home á "falta de planificación" e aos "recortes" levados a cabo pola Xunta. Nunha rolda de prensa deste luns, o deputado tamén pediu "explicacións" desta situación que xustifica que "constantemente, todos os días, haxa concentracións nas cidades galegas pedindo máis recursos humanos" para o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Por iso, Antón Sánchez propuxo contratar a "xente formada" que se atopa traballando no estranxeiro pero que "debería estar na sanidade galega".
ASOCIACIÓN VECIÑAL
Ademais, o Movemento Veciñal Estradense-Móvete instou ao resto de forzas políticas locais a "rexeitar os recortes impostos polo Goberno galego" en sanidade e esixir os recursos "precisos" para garantir a atención aos enfermos. Neste sentido, segundo informou En Marea, a asociación denunciou que o sábado "non foi o único día" que esta PAC quedou "sen reforzo". "Esta situación repetiuse en tres ocasiones máis durante o que vai de verán", puntualiza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.