Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/08/2018 | Actualizada ás 20:00
A eurodeputada galega Lídia Senra vén de instar á Comisión Europea (CE) para que leve a cabo unha investigación e seguimento tanto dos fondos europeos que se están a empregar na construción da Liña de Alta Velocidade Portocamba-Cerdedelo (Ourense) como do cumprimento da lexislación comunitaria sobre verquidos de residuos, calidade da auga e protección de espazos naturais.
A europarlamentaria rexistrou un escrito en Bruxelas no que informa á CE de que as obras de construción do AVE que se están levando a cabo no concello de Laza, cofinanciadas con fondos Feder, están afectando ao río Támega. Ademais, recorda que este espazo está cualificado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na Rede Natura 2000.
Senra basea a súa denuncia ante a Comisión Europea nas analíticas realizadas, cuxos resultados amosan un grave deterioro da calidade ambiental da agua, xa que elementos como o arsénico e o plomo multiplican os niveis de contaminantes admitidos. “Estando autorizadas verqueduras tras o seu tratamento, as análise e problemas detectados fan sospeitar que se verquen sen tratamento”, asegura.
Por isto, Lídia Senra reclama que a CE actúe canto antes para realizar un seguimento e "facerlle fronte á gravidade destes feitos". Mentres, seguen á espera da resolución das denuncias presentadas por diferentes organismos na Confederación Hidrográfica do Douro e do Miño-Sil e das dilixencias abertas polo xulgado de primeira instancia e instrución número 2 de Verín para investigar a contaminación. Tamén o Defensor do Pobo iniciou actuacións de oficio.
A Comisión Europea deberá dar contestación á eurodeputada nas próximas semanas e Senra tamén ten previsto asistir este xoves, 9 de agosto, ás 19:30 horas, a Cerdedelo (Laza), para participar na Marcha Reivindicativa en defensa do Támega convocada por Adega-Monterrei e pola Asociación Salvemos o Támega, co apoio da CIG, BNG, En Marea e o Concello de Verín. “Da saúde das nosas augas depende a saúde das persoas. Por iso, evitar a súa contaminación debe estar por riba de todo”, defende a eurodeputada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.