Dodro homenaxea un ano máis a Moncho Reboiras, o sindicalista asasinado no 75

A cita, organizada polo Movemento Galego ao Socialismo, terá lugar o 12 de agosto no cemiterio de San Xoán de Laíño, onde se celebrará un acto político "a quen levou o seu compromiso político até as súas últimas consecuencias".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Un ano máis terá lugar a homenaxe á figura e o "exemplo militante" de Moncho Reboiras, sindicalista, nacionalista e opositor á ditadura franquista que acabou asasinado pola policía española hai 43 anos. Desde o Movemento Galego ao Socialismo chaman a acudir este 12 de agosto ao cemiterio de San Xoán de Laiño (Imo, Concello de Dodro) para celebrar un acto político de homenaxe "a quen levou o seu compromiso político até as súas últimas consecuencias, dando a vida por unha causa pola que seguimos a loitar", aseguran.

Homenaxe a Moncho Reboiras
Homenaxe a Moncho Reboiras | Fonte: galiza.indymedia.org

As actividades comezarán no propio cemiterio ás 13h cunha rolda de intervencións: Laura R. Pena, militante do MGS e Responsable Local do BNG de Sada; Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro que participou de cativo no enterro de Moncho Reboiras hai 40 anos, nunha parroquia tomada pola Guardia Civil; Xan Fernando, da Mesa Nacional de Isca!; e Susana Camba, membro da MN do MGS e da Executiva Nacional do BNG.

Ademais destas quendas de fala, tamén haberá música a cargo do Leo Arremecághona antes do Xantar Popular, que coma todos os anos, terá lugar nunha carballeira acondicionada a 150 metros, amenizado con gaiteiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta