Carta dende Galicia a tres presos políticos

Honorables senyores Joaquim Forn, Josep Rull e Jordi Turull. Centre Penitenciari de Lledoners. St. Joan de Vilatorrada (Catalunya).

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 12/08/2018

Comparte esta noticia

Galicia, agosto de 2018.

        Sempre é difícil escrebir dende o desfrute da vida en liberdade ás persoas que ven pasar os dias na gris rotina do cárcere. Mais a tarefa faise moito máis difícil dende a lembranza do ilexítimo proceso  político e xudicial que deu no voso actual prendemento e procesamento, canda a presidenta Carme Forcadell, os  Jordis e outras persoas compañeiras de Govern.

        Sodes os tres xuristas. Coñecedes, xa que logo, que os principais fitos da reacción contra o procès dos Poderes Públicos españois están viciadas de manifesta ilegalidade. En primeiro lugar, o voso cesamento como conselleiros, canda  o President Puigdemont e o  Govern todo e a disolución do Parlament en inconstitucional aplicación do 155.  Sabíades que ese 155 daba legalmente, canto máis, para suspender o exercicio dalgunha competencia, nunca para suspender o autogoberno. Velaí a vosa lexitimidade como conselleiros até que as vosas demisións deron cabo ao voso mandato.

Porén, conseller Forn, malia ser consciente da ilegalidade do teu cesamento por mor do 155, axiña que èste foi efectivo cumpriches a decisión do Govern e despedícheste  da Policía de Catalunya que lle demostrou ao mundo que as Institucións catalás sabíades enfrontar unha crise como a dos asasinatos terroristas do 17-A como unha nación madura. Algo que semella que boa parte do establishment español non che perdoa.
        
Tamèn sodes conscientes que o Tribunal que vos está a axulgar non é competente, porque a competencia perténcelle ao Superior de Catalunya. Que non se vos pode imputar ningunha caste de delicto de rebelión nin sedición e que a acusación e a prisión actuais constitúen nidia  aplicación do Dereito Penal do Inimigo, incompatíbel co Estado de Dereito propio das democracias europeas.
 
 Estades, pois, presos pola vosa acción política. Unha acción que para algúns pode ser cuestionábel nalgún aspecto, mais que sempre desenvolvestes de xeito pacífico. Sodes, pois, presos políticos. Enfrontades un sacrificio persoal, familiar, económico…de moi alta magnitude dende a dignidade de non ceder á (i) lóxica dos vosos acusadores (onde por propia escolla situouse o Maxistrado instrutor, sr. Llarena) e dende a humildade de considerar a vosa achega como parte dun traballo de país.
 
 Como avogado e xurista, como demócrata e cidadán galego o meu recoñecemento e a miña solidariedade.
 
 A miña máis cordial aperta,
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.