Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/08/2018 | Actualizada ás 15:53
A presenza de baleas en augas de Galicia xa non semella algo anecdótico. Estes días avistáronse varios exemplares: dous polo helicóptero Pesca 1 ao oeste de Corrubedo e outros catro a unhas 25 millas de San Cribrao (Cervo).
O Servizo de Gardacostas de Galicia informou este mércores de que "hai uns días, os compañeiros do helicóptero Pesca 1 tiveron unha visita moi especial durante o seu retorno á base despois dun adestramento", coa "presenza ao oeste de Corrubedo" dunha "parella de baleas (supoñemos que nai e cría)". Todo un "agasallo" para a tripulación do Pesca 1.
Segundo foron informados, ademais destas dúas baleas, ese mesmo día tamén foi avistado outro cetáceo non moi lonxe delas que ía nadando en solitario.
Pouco despois, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) tamén informaba do avistamento de catro baleas xuntas a unhas 25 millas de San Cibrao, identificadas por Ramón Rivas, patrón do Carrao.
OUTROS AVISTAMENTOS
Os avistamentos de baleas en Galicia véñense producindo desde o pasado outono. Desde entón, os científicos están seguindo, abraiados, a visita ás nosas augas destes enormes cetáceos.
Recentemente, o O BDRI, o Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares, con sede no Grove, abraíabanos coas primeiras imaxes submarinas tomadas en Galicia dun exemplar de balea azul alimentándose nas nosas augas.+
Os científicos avistaran o exemplar exemplar xuvenil de Balaenoptera musculus á altura da costa de Cariño.
Estes recentes avistamentos levarían a pensar que a presenza de baleas azuis en augas galegas non é algo casual e anecdótico e estarían achegándose á nosa costa para dar conta dun bo banco de alimentos que para elas é un paraíso.
De feito, os científicos están investigando a chegada de varias baleas azuis desde o outono do pasado ano fronte a Galicia. E esta é a primeira gravación submarina que se fai do animal máis grande do mundo nas nosas augas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.