Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/08/2018 | Actualizada ás 14:46
Os propios datos da Consellería de Medio Ambiente confirman un ascenso brutal dos danos que os lobos causan á gandería pero este aumento non se ten traducido en medidas preventivas por parte da Xunta. Unha falta de apoio por parte do Goberno galego que, segundo a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, provoca que os gandeiros soliciten batidas que "non teñen efecto sobre os ataques". Denuncian que no último ano a situación do lobo "se está tornando insostible" e que cómpre reler o Plan de Xestión do Lobo, xa que de todas as medidas que alí se describen só únicamente se levan a cabo os pagos por danos.
Porque no Plan de Xestión establécense unha serie de medidas de acompañamento, asesoramento e divulgación tanto do lobo como especie como das medidas que se deben tomar para unha correcta convivencia e a Xunta "deixa absolutamente desamparado ao sector gandeiro". E o sector gandeiro "brama por respostas e atención xa que o que está protexido por lei é o lobo e non a gandería". Ademais, a SGPF denuncia que as convocatorias de axudas ás medidas preventivas fixéronse "sen planificación algunha, sen avisar ao sector e cuns prazos de xustificación ridículos".
Así, sosteñen que "non é de estrañar que neste contexto se soliciten batidas como a de Vilalba na pasada semana". Que estas batidas se deben entender como "unha medida desesperada, unha chamada de auxilio". Porque a "a presenza do lobo no 94% do territorio galego fai que non poidamos falar de 'casos illados' ou de 'zonas conflitivas'" e é necesario dispoñer un plan de traballo axeitado "sen deixar de lado o traballo das asociacións gandeiras". Reclaman poñer sobre a mesa "as actuacións necesarias" e "urxentemente polo ben da gandería, do lobo e do rural galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.