Novo incendio forestal en Melón mentres continúan os de Ferrolterra e O Invernadeiro

O lume de Melón aumenta a densidade de incendios na provincia de Ourense. O incendios en Ferrolterra afectan á parroquia de Doniños, no concello de Ferrol e á parroquia de Cervás no concello de Ares. Outros dous incendios declaráronse en Ramirás e Vilariño de Conso.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 28/08/2018 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

O concello de Melón sufre un incendio forestal iniciado ás 14:45. Nel participa un axente, 7 brigadas, catro motobombas, un técnico e un helicóptero.

Incendio en Ares
Incendio en Ares | Fonte: UGTForestaisGalicia

En Ferrolterra  continúan dous lumes nos concellos de Ares e Ferrol. En Ares, concretamente na parroquia de Cervás o lume está estabilizado desde as 14:00. Queimou 5 hectáreas. Neste incendio participan catro axentes forestais, nove brigadas, cinco motobombas, unha pá mecánica e dous helicópteros. 

No caso de Ferrol, na parroquia de Doniños, a superficie queimada é de 3 hectáreas segundo Medio Rural. Contra este lume desprazáronse tres axentes, cinco brigadas, catro motobombas, unha pá mecánica e un helicóptero. 

O lume en Cervás, Ares, comezou ás 03:09 da madrugada e en Doniños, Ferrol, ás 04:06 da madrugada. Segundo fontes de Medio Rural a orixe destes incendios estaría en senllas caídas de raios.

A tormenta tamén causou outro lume nun serradoiro situado en Vilavidal, en Santo André de Penosiños, Ramirás, segundo a primeira hipótese dos equipos de emerxencias que se trasladaron até o lugar. Así o indica o parte matinal da Central de Emerxencias 112, que apuntou que o pobo tamén estivo sen luz durante a noite debido ás tormentas.

Ante o incendio do que alertou un particular e que quedou calcinado por completo, foron alertados os Bombeiros de Celanova e a Garda Civil e Protección Civil e informouse ao servizo de Medio Ambiente da Xunta.

VILARIÑO DE CONSO

A Consellería do Medio Rural informa tamén dun novo lume forestal activo no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Padroalbar, que afecta o parque natural do Invernadeiro.

O incendio comezou ás 08,54 h. desta mañá parece que producido por un raio. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de 3,2 hectáreas. No lugar traballan 1 técnico, 2 axentes, 10 brigadas, 3 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta