Por E.P. | VIGO | 28/08/2018 | Actualizada ás 12:58
A Deputación Permanente do Parlamento de Galicia reunirase este xoves ás 12,00 horas, a petición dos grupos parlamentarios de BNG e En Marea, para abordar a convocatoria dun pleno extraordinario sobre o accidente do Marisquiño, no que resultaron feridas máis de 460 persoas. Estes dous grupos da oposición reclaman a celebración desa sesión extraordinaria para que compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co fin de que informe a achega do sinistro, se analicen as responsabilidades e se aborden as actuacións que se deben levar a cabo tras o accidente.
Así mesmo, propoñen que o pleno debata a creación dunha comisión de investigación para determinar as causas e as responsabilidades no afundimento de parte do peirao, no que se estaba celebrando o concerto de peche do festival, e para determinar medidas encamiñadas a evitar que se repita un accidente deste tipo. Así mesmo, piden que ese pleno sirva tamén para que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareza co fin de "dar explicacións" sobre a "falta de reforzo no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro" nas xornadas posteriores ao accidente.
ACCIDENTE E POLÉMICA
O sinistro produciuse na noite do 12 ao 13 de agosto pasado, cando parte dun peirao veu abaixo durante a celebración dun concerto, causando 467 feridos. Porto de Vigo e Concello atribuíronse mutuamente a responsabilidade polo estado da infraestrutura.
Así, mentres o organismo portuario apela a un convenio do ano 1992 polo que o mantemento da zona de paseo corresponde ao Concello, desde o goberno municipal de Abel Caballero, insístese en que a área colapsada é de uso portuario e que o accidente se debeu ao mal estado da estrutura de formigón situada por baixo do paseo. Tamén a Xunta de Galicia entrou no debate, lembrando que, segundo a lei autonómica de espectáculos, é o Concello a administración encargada de outorgar licenza de actividade e verificar a seguridade dos espazos onde se ía a celebrar o evento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.