Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/08/2018 | Actualizada ás 14:57
O tradicional cambio de hora ten os días contados. Iso de cambiar unha hora para atrás en outubro e outra para adiante en marzo pode ser historia se prospera a decisión da Comisión Europea de poñer fin ao cambio horario. Unha decisión que chega despois dos resultados dunha enquisa realizada na UE na que máis do 80% pronunciouse a favor de abolir o cambio horario e optaba por que permanecese invariable todo o ano.
Con todo, para que a iniciativa prospere precisa un consenso tamén co Parlamento e os estados membros, que son os que teñen a última palabra. E, ata o momento, hai división de opinións. Finlandia foi a primeira en propor en Bruxelas, o pasado febreiro, o fin do cambio de hora. A pesar de non conseguilo (384 votos contra 153 frearon a iniciativa), outros países como Holanda, Alemaña, Suecia, Francia ou Bélxica tamén mostraron as súas dúbidas sobre a efectividade do cambio horario.
A raíz desa iniciativa, o Parlamento Europeo comprometeuse a estudar se acaba co cambio de hora e realizou un estudo no que puido comprobar como a maioría dos europeos está pola labor de rematar con este vello costume que, con todo, está regulado pola UE.
Ata o de agora a directiva comunitaria 2000/84/CE é a que obriga a todos os estados membros da Unión Europea a atrasar os seus reloxos. O eixo de rotación da terra está inclinado 23,5º con respecto ao plano da órbita e isto fai que a exposición da Terra ao Sol cambie moito ao longo do ano. “O 21 de setembro a diferencia entre horas de día e noite en Galicia é 0, pero tres meses despois é de 6,45 minutos e tres meses despois volve cambiar noutra cantidade igual”, apuntaba o físico Jorge Mira nunha entrevista no GC.
Por iso se compensa movendo unha hora para arriba e para abaixo. E isto é máis acusado canto máis ao norte estás. En Suecia son 13 horas de diferencia. Por iso Europa regulou esta cuestión para aproveitar mellor as horas de luz solar e consumir así menos electricidade. Segundo o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, esta medida supón un aforro de preto de 300 millóns de euros, dos cales 210 corresponden aos edificios do terciario e na industria.
PROS E CONTRAS
Non obstante, os países escandinavos, principalmente Finlandia, cren que os beneficios en aforro enerxético son demasiado pequenos en comparación cos problemas que pode provocar á saúde dos cidadáns. Ese mesmo argumento é o que utilizan os detractores do cambio do fuso horario dentro do estado, logo de que varios partidos políticos, entre eles o BNG ou Ciudadanos, e mesmo gobernos autonómicos, como os de Baleares, apuntaran a esa posibilidade.
Con todo, a nova proposta da UE só fai referencia ao cambio de hora nos estados membros, e non á posibilidade de regular as horas que xa teñen eses estados, ou diversos territorios dentro deses estados. De feito, entre Portugal e Lituania, por exemplo, hai dúas horas de diferencia, mentres que en Galicia e Polonia rexe a mesma hora.
EN MAREA INSISTE NAS DIFERENCIAS DE GALICIA
De feito, esta proposta pode reabrir a polémica do cambio do fuso horario no estado. De feito, deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou xa este venres no rexistro da Cámara Baixa varias preguntas dirixidas ao Goberno de Pedro Sánchez para coñecer se vai tomar nota da proposta da Comisión Europea de eliminar o cambio de hora.
“Que opinión ten o Goberno en relación á proposta da Comisión Europea? Está a favor de que se manteña o fuso horario sen levar a cabo cambios de hora? Comparte que o fuso horario correspondente ao paralelo de Greenwich, que era o imperante no Estado español até o ano 1942, é o mais apropiado respeito á luz solar? É consciente de que o sistema de cambiar a hora é máis pernicioso ainda para territorios como Galicia que, dada a súa ubicación, sofren máis as consecuencias sociais negativas?”, son algunhas das preguntas que plantexa Miguel Anxo Fernán Vello.
O deputado de En Marea lembra que se trata dun tema moi debatido e cuestionado posto que a propia UE admitió en varias ocasións que o aforro enerxético é realmente marxinal. "En cambio, o impacto nos biorritmos humanos é maior", indicou. Ademais, Vello sinala que “desde sempre, e en correspondencia coa luz natural do sol, Galicia debería ter o fuso horario de Portugal. Hai unha diferenza de case unha hora entre Fisterra e o leste do estado, por exemplo, con Barcelona. É un sinsentido que teñamos o fuso horario de Alemaña ou de Polonia”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.