O comité de empresa denuncia á compañía de transporte urbano de Vigo por "contratación fraudulenta"

Di que "non respecta os tempos de percorrido e descanso" e carece de "aseos para o persoal".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2018 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Vitrasa, empresa concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou ante Inspección de Traballo á compañía de autobuses por "contratación fraudulenta de traballadores", así como por "non respectar os tempos de percorrido e descanso" e carecer de "aseos para o persoal".

Folga xeral 29M Vitrasa Vigo
Folga xeral 29M Vitrasa Vigo

Nun comunicado remitido este sábado aos medios, o vicepresidente do comité de empresa e delegado do sindicato USO, Fernando Pérez, asegurou que "Vitrasa contrata e despide reiteradamente a distinto persoal para ocupar os mesmos postos de traballo".

Deste xeito, segundo explicou, "conseguen, ante o temor de continuos despedimentos, que accedan a prestar calquera tipo de servizo, incluso incumprindo o convenio colectivo ou até o Estatuto dos Traballadores".

No comité, composto por USO, CC.OO., UGT e CIG, tal e como asegurou Pérez, lamentan que esta actitude provocase "a non renovación nos últimos meses de varios traballadores que levaban cinco anos na empresa", xa que "as continuas entradas e saídas non permiten xerar antigüidade".

Ademais, o vicepresidente do comité asegurou que "a contratación fraudulenta non é a única práctica abusiva executada por Vitrasa". Tamén sinalou que as cámaras instaladas nos autobuses, "coa escusa da seguridade dos condutores, serviron como cámaras de vixiancia e máquina de sancionar".

Por iso, os sindicatos quixeron denunciar que, "non se respectan os tempos de percorrido e descanso, que non só afectan os traballadores, co consecuente perigo para o seu labor", senón "tamén aos usuarios, que nos últimos tempos viron crecer os atrasos no servizo".

Nesta liña de reclamacións, USO apuntou que Vitrasa "pagou até hai meses a hora extra por baixo do valor ordinario", o que "provocaba que se fixesen un número desorbitado de horas". "Só tras unha sentenza Vitrasa aceptou pagalas ao mínimo legal, pero non a negociar co comité un acordo", aseverou Pérez.

Finalmente, lembrou que "hai outro tipo de incumprimentos" por parte da compañía, como a "falta de aseos para o persoal ao longo dos percorridos, co agravante para as mulleres", xa que, "ás veces, os traballadores teñen que terminar facendo as súas necesidades na vía pública".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta