Os cativos menores de 5 anos teñen a maior carga de infeccións bacterianas graves en Europa

O Hospital Clínico Universitario de Santiago lidera un estudo realizado en 98 hospitais de seis países europeos con datos clínicos de 2.844 nenos con infeccións bacterianas graves.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/09/2018 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

Investigadores do Hospital Clínico Universitario de Santiago lidearon un estudo a nivel europeo no que se concluíu que os nenos e nenas menores de 5 anos teñen a maior carga de infeccións bacterianas graves. Os resultados publícanse no artigo 'Life-threatening infections in children in Europe (The EUCLIDS Project)', asinado polo investigador principal, o doutor Federico Martinón Torres, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), e colaboradores na prestixiosa revista The Lancet Child & Adolescent Health, e proporciona información epidemiolóxica especialmente valiosa para o ámbito das políticas de saúde pública.

O grupo de investigación traslacional de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría do CHUS.
O grupo de investigación traslacional de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría do CHUS.

Trátase do estudo prospectivo de cohortes máis ambicioso publicado ata o momento, realizado en 98 hospitais de seis países europeos con datos clínicos de 2.844 nenos con infeccións bacterianas graves. O estudo publícase nunha das revistas médicas máis importantes e forma parte dos obxectivos do proxecto europeo EUCLIDS.

O consorcio europeo EUCLIDS, financiado polo programa FP7 con 12 millóns de euros, engloba 12 países de 3 continentes, 3 empresas biotecnolóxicas e unha vintena de institucións académicas, e trata de desvelar os mecanismos exactos que condicionan a variabilidade na expresión clínica e o prognóstico das infeccións bacterianas graves.

Federico Martinón-Torres, pediatra e investigador da área Asistencial de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e Antonio Salas Ellacuriaga, xenetista e profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, ambos investigadores do (IDIS), lideran a nivel estatal este proxecto, centrado en desvelar as bases xenéticas das infeccións graves nos nenos.

Este artigo analiza datos clínicos e epidemiolóxicos dos case 3.000 pacientes pediátricos hospitalizados por infeccións bacterianas graves en Europa durante os tres anos e medio que durou o recrutamento do estudo. Avalía os axentes microbiolóxicos, a súa evolución e prognóstico.

As síndromes clínicas principais foron pneumonía (18%), infeccións do sistema nervioso central (16.5%) e infeccións da pel e tecidos brandos (8.7%). Ata no 50% dos casos, o microorganismo causal permaneceu descoñecido, pero naqueles nos que foi posible a súa detección, os axentes causais principais foron o meningococo (9.1%) e o neumococo 7.7%.

"ACHADO MOI RELEVANTE"

Segundo o doutor Martinón-Torres, trátase dun "achado moi relevante, tendo en conta o descenso das taxas de prevalenza global de enfermidade meningocócica en Europa, que o 93% da cohorte estaba correctamente vacinada de acordo co calendario de inmunización local vixente no momento do estudo e que, hoxe en día, o 90% dos serotipos causais estarían cubertos con vacinas actualmente dispoñibles”.

Doutra banda, os autores tamén atoparon que unha historia familiar de infección bacteriana severa e de exposición ao fume do tabaco confiren maior probabilidade de infección meningocócica. Un dato con implicacións importantes para saúde pública, incluíndo a necesidade de actualizar os calendarios de vacinación e unha maior concienciación sobre os potenciais riscos de exposición ao fume de tabaco en nenos.

O xenetista Antonio Salas subliña que “este estudo ratifica a necesidade de priorizar a investigación para comprender mellor a predisposición xenética a infeccións invasivas como a producida por N. Meningitidis”.

“En estudos previos do noso grupo de investigación –engade–, puidemos detectar elementos de susceptibilidade a determinadas infeccións, os cales proporcionan vías interesantes de investigación no desenvolvemento de novos medicamentos e vacinas. Sen máis, a vacina recentemente desenvolvida contra o meningococo B, o máis importante no noso país, incorpora un elemento que reportamos hai uns anos nos nosos estudos xenómicos”.

Finalmente, cabe destacar unha evolución favorable no 92% da cohorte, a pesar de que un terzo dos pacientes requiriu ingreso nunha Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos (UCIP) e que, destes, o 5% faleceu. É dicir, as taxas de mortalidade en pacientes hospitalizados por sepse ou infeccións focais graves en Europa permanecen baixas. ç

En palabras de Martinón, “esta taxa tan baixa de mortalidade é a consecuencia do elevado nivel da pediatría dos centros participantes, que coincide precisamente cos centros que máis investigación clínica fan, pero non se pode extrapolar sen mais a todos os países nin a todos os centros, nin debe proporcionarnos unha falsa sensación de tranquilidade.”

Calquera morte por unha enfermidade previble mediante vacinación nun contexto como o de Europa debe ser considerado un fallo do sistema, un esforzo insuficiente, ou unha priorización inadecuada dos recursos dispoñibles”, continua Federico Martinón, “e debemos traballar conxuntamente en que as vacinas cheguen ao maior número posible de nenos”.

Os novos resultados e plans do consorcio EUCLIDS discutiranse na súa próxima reunión anual que terá lugar durante esta semana do 12 ao 14 de setembro en Latvia. O Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago, participa noutros 6 macro-proxectos europeos relacionados coas infeccións e vacinas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta