Por E.P. | VIGO | 11/09/2018 | Actualizada ás 21:02
O persoal de Maderas Iglesias mantén a folga indefinida que iniciou o pasado 28 de agosto despois de que a asemblea de traballadores tombase o preacordo que alcanzaron o comité de empresa e a dirección nunha reunión mantida este martes coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo informaron fontes do comité, aínda que na mediación se chegou a un preacordo, este non foi validado pola asemblea de traballadores. Así, ao preguntar aos traballadores se alguén quería desconvocar a folga "ninguén levantou a man e todos se puxeron a aplaudir", co que a mobilización continúa.
Neste sentido, estas fontes explicaron que os traballadores non deron luz verde a este convenio por "falta de confianza cara á empresa", xa que entenden que por parte da dirección houbo "moitas mentiras e moitos incumprimentos".
Ademais, reafirmáronse en que antes de desconvocar a folga e volver aos seus postos de traballo teñen que cobrar os salarios e as pagas extras pendentes (o preacordo estipulaba o fin inmediato da folga e daba datas límite para que a empresa fixese fronte aos pagos).
Ante estos acontecementos, os traballadores tamén convocaron para este mércores unha manifestación que sairá ás 11,00 horas de Praza de España en dirección á Xunta. Así mesmo, os sindicatos prevén chamar á mediación e solicitar unha nova reunión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.