Ponse en marcha unha titulación para mellorar a xestión dos festivais de música

Trátase do Programa Especializado en Xestión de Festivais, unha curso para organizar mellor e optimizar os resultados dos eventos musicais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/09/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O crecemento dos festivais de música non parou nos últimos anos, a pesar da crise económica. Durante o ano 2015 celebráronse en España máis de 970 festivais, e no 2016, os 50 festivais máis grandes superaron os 3,5 millóns de espectadores. En Galicia esta actividade segue unha senda crecente, con citas como Vive Nigrán, Atlantic Fest, Festival Sinsal, Sonrías Baixas ou o Festival de la Luz. O potencial de crecemento tanto en número de festivais como en asistentes é enorme, ao igual que a profesionalización do sector.

Festival O Son do Camiño
Festival O Son do Camiño

De aí que algunhas entidades viron a necesidade de desenvolver propostas formativas específicas para este ámbito.  É o caso de IESIDE quen en colaboración con Festivais de Galicia, o Programa Especializado en Xestión de Festivais, un programa formativo que ten como fin principal mellorar a xestión, organización e resultados dos festivais de música a través da ampliación de coñecementos e habilidades de dirección e xestión dos profesionais do sector. Ademais, segundo os seus impulsores, "será unha vía para a captación de novos talentos que poidan incorporarse ao sector e desenvolverse profesionalmente". 

O prazo de inscrición comeza en outubro, pero os interesados xa poden reservar praza ata o 30 de setembro na web de Festivais de Galicia. A formación comezará no mes de xaneiro e prolongarase ata o mes de maio, con 13 sesións formativas e 4 mesas redondas. Ademais, en función dos perfís dos asistentes e da demanda dos eventos, poderán ter a posibilidade de realizar prácticas remuneradas nun dos festivais da asociación. Entre os profesores hai profesionais reputados en distintos aspectos da organización, xestión, comunicación de festivais ou consultoría cultural, como Sonia Díaz, Ángel Dieste, Adolfo Neira ou Víctor Flores, entre outros.

O programa estrutúrase en dous bloques de coñecementos, que se corresponden con dúas perspectivas de análise. Por unha banda, abordarase a especificidade dun festival desde o punto de vista conceptual, loxístico, económico e legal para que o estudante obteña unha comprensión clara dos factores críticos que compoñen a cadea de valor dun festival, desde a súa xénese e deseño ata a súa xestión operativa. Pola outra, e debido a que cada festival é en si mesmo un proxecto empresarial, no segundo bloque do programa abordaranse algunhas das principais áreas de xestión, desde o punto de vista estratéxico máis global ata o triplo enfoque de orientación ás persoas, ao mercado e aos resultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta