Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2018 | Actualizada ás 15:28
Ourense, Tomiño, Redondela, O Porriño, Moeche, Cabanas, Carnota e Teo son o oito municipios galegos que aspiran a ser distinguidos co título 'Cidades Amigas da Infancia', que outorgará Unicef a finais de outubro co obxectivo de promover que as administracións locais e autonómicas impulsen políticas que garantan o desenvolvemento integral da infancia.
Castrelo de Miño (Ourense) é o único municipio galego considerado 'Cidade Amiga da Infancia', un programa que contribúe ao deseño e implementación de políticas públicas eficaces para mellorar o benestar dos nenos, mediante a defensa dos seus dereitos, o fomento da súa participación e facendo das cidades contornas máis habitables, especialmente para os máis novos.
Entre outras cuestións, aquelas localidades que aspiren a este recoñecemento deben facer unha radiografía exhaustiva sobre a situación dos nenos no municipio, elaborar un plan de infancia, así como xerar organismos oficiais de participación permanente dos nenos e adolescentes.
Precisamente, para formar os traballadores das administracións que prevén adaptar as súas políticas a esta distinción, Unicef Comité Galicia organizou este mércores en Santiago de Compostela unhas xornadas formativas deste programa, coa colaboración da Consellería de Política Social e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Este evento, celebrado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), incluíu un encontro de varios membros de consellos de participación infantil e adolescente de Galicia co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ao que os nenos lle trasladaron as súas demandas.
ENCONTRO CO CONSELLEIRO
Así, por exemplo, Jesús, un dos membros do consello infantil de Teo, preguntou ao conselleiro sobre a posibilidade de que se poña en marcha un carril bici na estrada que une este municipio con Santiago de Compostela.
Respecto diso, Rey Varela explicoulle ao mozo que as estradas que atravesan os municipios poden ser de distinta titularidade e comprometeuse a "ver" o caso concreto desta vía para "falar" coa súa "compañeira", a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Ademais, outra integrante deste consello municipal, Beatriz, pediu ao conselleiro que poña en coñecemento da Xunta a necesidade de acometer arranxos nos colexios do municipio para "adaptalos ás persoas con discapacidade".
Pola súa banda, Xulia, de Castrelo de Miño, resaltou a importancia da posta en marcha dun Consello Galego de Infancia e Adolescencia como órgano participativo autonómico, así como a necesidade de que existan expertos de mediación nos institutos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.