Por Galicia Confidencial | Lousame | 19/09/2018 | Actualizada ás 22:41
Cal é a mellor maneira de celebrar o Día Europeo das Comunidades Sustentábeis?. Desde Verdegaia téñeno claro; eliminando eucalipto. Por iso, organizaron para o vindeiro día 22 de setembro –data na que se celebra este día-- unha brigada deseucaliptizadora nos montes de Froxán, en Lousame.
Os traballos levaranse a cabo xunto coa Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, e terán lugar na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, que no seu día fora recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente. Como sempre, despois dos traballos colectivos no monte (roga), premiarase ás brigadistas asistentes cun xantar de convivio (albaroque).
A esta xornada xa anunciaron a súa asistencia un total de 30 brigadistas, que se encargarán de eliminar rebrotes de eucalipto nunha zona na que xa se traballou o pasado inverno e primavera, e onde foron plantados miles de pés de frondosas por medio da campaña de micromecenado “No corazón unha árbore”.
Segundo informa a entidade ecoloxista nun comunicado, os traballos en Froxán comezarán no monte ás 10 da mañá, “máis é imprescindíbel estar puntualmente no punto de encontro (que será comunicado ás persoas inscritas) ás 9:30 para ir xuntas á zona da intervención”. Para participar nesta acción é necesario en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.