Exportamos case o 40% da produción, sen que poidamos usar deste excedente como ferramenta para atraer investimentos industriais. Para máis, este ano os consumidores galegos haberán aboar 38 M€ (uns 14 €/persoa) adicionais mentres os consumidores madrileños só aboarán 2 M€(arredor de 0,3 €/persoa) como compensación polo canon ambiental autonómico. Ou sexa que rematamos por pagar máis os galegos, porque a tarifa penaliza aos territorios produtores e á industria e beneficia aos territorios consumidores.
A AP9 e as súas subsidiarias a Baiona e Carballo vertebran a área onde vive o 70% da nosa poboación. Unha poboación que carece dunha alternativa de balde minimamente practicábel, sen que moita dela tampouco atope no eixo atlántico ferroviario unha alternativa. Isto non lle pasa aos castelans ou andaluces, que desfrutan de conexións por autovía gratuíta entre cadansúas capitais.
Núñez Feijóo é parte do problema, como nos recortes sanitarios e educativos. Pactou co goberno de Rajoy o desactivamento da solicitude de transferencia da AP9 e, no exercicio do peor dependentismo, considera lóxico que Galicia lle pague grande parte da factura eléctrica a Madrid, mancando deste xeito as súas posibilidades de crear emprego industrial e mesmo pondo grande parte deste en risco grave. Logo a solución virá, se ven, da oposición.
No caso da AP-9 semella que hai unidade na diagnose e solución por parte do BNG, En Marea e PSdeG. Mais na cuestión do prezo da electricidade o PSdeG partilla en liñas xerais a visión dependentista do PP. Pola súa banda, En Marea sostén un discurso coherente de protección ao consumidor, moi susceptíbel de arrequecer o discurso tamén coherente de perspectiva de País que sempre defendou o BNG. Urxe que ambas as dúas forzas acaden un consenso na diagnose e solución do problema, dende a dupla perspectiva de País e de consumidor.