Por Galicia Confidencial | | 30/09/2018 | Actualizada ás 17:40
A Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña non comparte a actuación de “lavado de cara” do Umia ó seu paso polo casco urbano, realizada a iniciativa local, ao "non afrontar o verdadeiro problema que padece o río e que ten a súa orixe augas arriba", expón.
A plataforma lamenta a "falta de valentía" para arranxar o problema e "liberar o río do atranco que o feríu de morte, cando os responsables da Xunta puxeron por diante os intereses económicos ao interese xeral".
A Coordinadora afirma que os responsables da Xunta "minten e mentiron no pasado" á poboación cando din que o encoro foi construido para abastecemento de auga e prevención de riadas.
Anuncian, ademais, que en breves datas darán a coñecer documentos oficiais que demostran esas "mentiras" e que deixarán "en evidencia" as declaracións pasadas e actuais dos responsables políticos.
Como adianto, a Coordinadora mostra parte dun documento que din que está asinado por dous altos responsables da Xunta no que figuran, entre outras, as seguintes afirmacións: “El embalse permitirá el desarrollo de zonas de esparcimiento y residenciales de ribera”, “… la utilización para el baño…”, “… la calidad de las augas del rio Umia es buena o muy buena…”
"Como por desgraza todos sabemos, nin auga boa ou moi boa, nin zonas de esparcemento", contradí a plataforma.
A Coordinadora considera unha "inxenuidade pensar que a Xunta vai facer ningún estudio para liberar o río do encoro, tal e como lle pediron os representantes municipais", xa que "dese estudio salería que a obra é inutil para o interese xeral e un atentado ambiental intolerable", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.