Un ano de reacción unionista

Moitas cousas mudaron no ano desenvolvido dende a consulta cidadá en Catalunya o 1-Ou do 2017. Mais nada se avanzou na resolución do problema político, que non é outro que lle dar unha canle á cidadanía catalá para que elixa o seu futuro.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/10/2018

Comparte esta noticia
Hai un ano, poucos días antes do 1-Ou, escrebín que a consulta plebiscitaria do 1-Ou amosaría o confronto de dúas lexitimidades. E dícía tamèn que o problema político catalán non se resolvía nin coa Garda Civil nin cos Tribunais. Porqué, malia esta evidencia, o Goberno do Estado, os partidos unionistas e máis o Deep State representado pola Coroa e presente nos altos estamentos xudiciais optaron pola ilegalidade e pola represión? Non todo é cuestión de votos.
 
Represión e case mil feridos. Felipe VI e o 155
 
O Goberno Rajoy puido elixir outra opción para enfrontar o 1-Ou. Mesmo no marco do seu inmobilismo puido optar pola apertura dun diálogo pouco comprometido ou pola mera remisión aos Tribunais do ocorrido o 1-Ou, sen mandar aos corpos policiais estatais  invadir as competencias dos Mossos de Esquadra e ferir case mil cidadáns. As imaxes que deron a volta ao mundo degradaron moitos chanzos a consideración internacional do Estado.
 
Malia esta evidente deterioración e cando o PSOE ía pedirlle responsabilidades parlamentarias á vicepresidenta Sainz de Santamaría pola violencia gobernamental desenvolvida, o  xefe de Estado sinalou co seu desaquelado discurso do 3-Ou o comezo da reacción. Despois da violencia da manifestación unionista do 8-Ou a declaración formal de soberanía do 27-Ou- foi seguida por un auténtico golpe institucional español supostamente baseado no 155 da Constitución estatal. Unha norma adoptada dende o Dereito Constitucional alemàn que lle outorgaba ao Senado competencias para limitar  sectorialmente a autonomía (vgr.asumindo provisonalmente as funcións de seguridade cidadá…), mais nunca lle outorgaba a capacidade de supresión do autogoberno, cesando ao President e ao Govern ou disolvendo o Parlament, como de feito levou adiante o Goberno de Rajoy co voto habilitante no Senado do PP, PSOE e C’s. 
 
Das resultas deste golpe institucional ficou anulada a autonomía das nacionalidades e rexións que recoñece o artigo 2 da Constitución,  supeditada en diante á interpretación unilateral  dunha maioría absoluta do Senado, deslexitimada polo principio maioritario e provincial da súa elección e pola súa falla de conexión coa vontade das nacións e territorios  do Estado, que haberían ser, nun sistema federal plurinacional, os electores da Cámara devandita
 
O Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional aplican o Dereito Penal do inimigo
 
Mais se o golpe do 155 tronzou o Dereito Constitucional que até entón rexía o Estado español, as actuacións dos Tribunais penais que interviñeron dende o 20-S do 2017 violaron de xeito gravísimo o ordenamento xurídico preexistente. Principiou a maxistrada Carmen Lamela , da antixurídica, desaquelada  e disfuncional “Audiencia Nacional”(AN) ao se atribuir a competencia para xulgar ao Comisario Josep Lluis Trapero, á Intendenta Teresa Laplana e aos entón presidentes da ANC e de Omnium Cultural, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, contra a xurisprudencia consolidada da propia AN que recoñecía a súa falla de competencia a respecto do delicto de sedición. A nidia vulneración da competencia do Tribunal foi confirmada pola Sala de Apelacións da AN. Canto á causa na Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS), o maxistrado-relator Llarena incorriu na mesma ilegalidade, descoñecendo a competencia do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya (TSJC) nunha causa seguida contra consellers do Govern, a Presidenta e outros membros da Mesa do Parlament. Deste xeito non só querían xogar na casa, en Madrid, senón evitar a dupla instancia, o dereito dos investigados a un eventual recurso de apelación contra da sentenza decidida na primeira instancia. Un dereito recoñecido universalmente para todos os europeos na Convención Europea de Dereitos Fundamentais (CEDH).
 
Ás devanditas vulneracións da Constitución, do Estatut de Autonomía de Catalunya e das Leis Orgánica do Poder xudicial (LOPx) e de Axuizamento Criminal (LACRIM) cómpre engadir as evidentes vulneracións do Código Penal (CP) e do artigo 520 LACRIM (que regula o cárcere preventivo como medida cautelar moi excepcional, só aplicábel para delictos moi graves que aquí non se dan) . Vulneracións cometidas polos Maxistrados Llarena e Lamela e sancionadas por vía de recurso por cadanseus Tribunais de Apelación na AN e no TS. Inventáronse delictos de rebelión e sedición ausentes do CP, pois que o artigo 472 CP só define a rebelión a partir da existencia dun alzamento violento e a sedición require tamèn dun compoñente violento ou intimidatorio. A esta conclusión chegou calquera observador europeo imparcial: cando detiveron Puigdemont no Schleswig Hollstein a propia opinión publicada unionista recoñecía que o Código Penal alemán (BGB) era moi semellante ao español na definición destes delictos, alí chamados de alta traición (artigos 81 e ss.) .Mais a traición require sempre violencia (force, en inglés) ou intimidación (“threat of force”, tamèn en inglés). Velaí a razón pola que o Tribuna l Superior de Schleswig Hollstein afundiu un chisco máis o moi reducido creto do TS e da AN pola Europa adiante, ao rexeitaren sen dúbida ningunha a extradición de Puigdemont pola evidente falla de violencia ou intimidación na súa conduta.
 
Como pode ser posíbel que o TS e AN enfronten este desprestixio internacional e inventen desta maneira o Dereito Penal aplicábel? Porque boa parte dos membros destes órganos xurisdicionais, que chegaron aos mesmos pola peneira da súa relación co PP ou co PSOE, asume o mesmo relato do Goberno do Estado, dos partidos do tripartito do 155 e dos medios que repenican os seus argumentos. Diante dunha suposta e indeterminada ameaza constitucional aplican a teoría decisionista de Carl Schmitt: o Estado é soberano e non ten límites para salvar a Constitución, mesmo pode  decidir a violación de regras concretas da mesma. No decisionismo schmittiano, aplicado á Catalunya do outono de 2017, colle todo. Tamèn a aplicación dun 155 inconstitucional ou dun Dereito Penal do Inimigo que vulnera o CP e os dereitos fundamentais da Constitución.
 
Convén aquí anotar, como dí Suso de Toro, que non existiu fóra de Catalunya e, en menor medida, en Euskadi, Nafarroa, Galicia, País Valencià e les Illes unha resposta de oposición por parte das forzas progresistas, o que fixo medrar exponencialmente a seguridade do tripartito do 155  na súa resposta. Para máis, o factor do apoio da Coroa ensamblou na mesma coalición ese tripartito, os que mandan no Deep State e os sectores máis populares do “a por ellos”. A cuestión catalá serve para agachar os gravísimos problemas sociais que sofren grande parte das crases medias e traballadoras españolas.
 
Presos e exiliados
 
A cidadanía catalá ou, polo menos, esa maioría superior ao 70% que integra aos soberanistas e ás persoas que rexeitan o cárcere para os presos políticos tivo que convivir coa absoluta anormalidade de asumir que todas as persoas do Govern do 1-Ou foron presas ou  se manteñen  exiliadas, canda a presidenta do Parlament , a antiga voceira da CUP ou a secretaria xeral de ERC. Para catro xeracións do pobo catalán  é a primeira vez que cómpre asumiren a existencia no seu seo de presos e exiliados políticos. Semella que amplos sectores do soberanismo teñen asumido con normalidade que o exemplo destas persoas e, sobre todo, a súa opinión ante o futuro é importante e mesmo case decisiva. 
 
Os presos e exiliados políticos constituiron tamèn o principal referente que lle permitiu ao relato soberanista alargar a súa base social e entrar en sectores progresistas até entón pouco simpatizantes da independencia, mais si moi solidarios coas vulneracións de dereitos fundamentais sofridas por estes colectivos e, en menor grao, por centos de cataláns.
 
Os avances e os perigos
 
A situación deste 1-Ou non é mellor, dende logo, ca a do ano pasado. Mais non sería certo cualificar sen máis os feitos de outubro de 2017 como unha derrota e moito menos como unha derrota definitiva. Existen varios factores que cualifican a resiliencia do soberanismo e fan apuntar avances:
 
i.O rechamante éxito electoral do 21-D último, retendo as forzas soberanistas a maioría absoluta parlamentaria e retendo a porcentaxe relativa de apoios, proxima ao 48% dos votos.
 
ii.A formación de Goberno malia todas as vulneracións de Dereito Parlamentario do maxistrado Llarena e máis a formulación dunha resposta unitaria que mantén a cualidade parlamentaria dos presos e exiliados que quere cesar Llarena.
 
iii.O avance perceptíbel cara outros sectores da sociedade catalá que non acreditaban hai un ano no pulo do procès, mais que agora son solidarios do mesmo en canto ao discurso dos dereitos fundamentais e mesmo na paseniña concepción dunha República catalá como marco futuro de convivencia, fronte a actual democracia monárquica de baixa calidade que vivimos no Estado español. O que pode seducir a sectores maioritarios de Catalunya en Comù. Cómpre constatar como esta formación política defende agora os dereitos dos parlamentarios presos ou exiliados, fronte ás esixencias liquidacionistas de Llarena.
 
iv.O progreso na internacionalización do conflito (Flandres, Alemaña, Suiza, Canadá, Eslovenia, repúblicas bálticas, Irlanda, Escocia), a meirande comprensión de sectores cada vez máis amplos das sociedades das Illes, do País Valencíà,da da Catalunya Nord ou L’Alguer e de Euskadi, Nafarroa e Galicia, así como o paseniño desescalamento do conflito que semellan defender agora sectores varios das forzas progresistas españois.
v.A limitadísima oportunidade dun Goberno do Estado que depende polo de agora dunha maioría parlamentaría  anti 155.
 
vi.A posibilidade, polo de agora bastante lonxana (pero menos ca no 2017) dunha iniciativa de mediación europea cara un referéndum pactado que evite unha situación continuada de inestabilidade en Catalunya e, en xeral, en todo o Estado español.  
 
Fronte  estes avances cómpre salientar dous riscos esenciais: priorizar unha declaración unilateral da que refuga a comunidade internacional e para a que non se conta con apoio social abondo e máis o recorrente risco de división do soberanismo, que ha priorizar o seu carácter de movemento cidadán fronte ás leas partidarias.
 
Conclusión
 
Volta ao comezo. Había un problema político e a cegueira política e o golpe institucional do “mainstream” español multiplicárono. A Coroa, os de “a por ellos” e os axentes económicos que mandan no Deep State impiden o dereito a decidir e queren anular o dereito dos cataláns (e o de todos nós) á súa diferenza e a gobernar o seu futuro.

 

22D en Barcelona: o día despois da decisiva xornada electoral Cataluña trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución
22D en Barcelona: o día despois da decisiva xornada electoral Cataluña trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución | Fonte: Autor: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.