Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/10/2018 | Actualizada ás 13:36
O vindeiro sábado, 6 de outubro, chega aos quioscos galegos a nova guía turística do Eixo Atlántico. Baixo o título Patrimonio natural, paraíso terreal, esta publicación plasma a difícil tarefa de recompilar nun só libro de pequeno formato a riqueza natural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
En concreto, na Eurorrexión enuméranse dous Parques Nacionais, seis Reservas da Biosfera, 10 Parques Naturais, e máis dun centenar de lugares protexidos para preservar a súa paisaxe, a súa fauna ou a súa flora.
Por iso, no libro pódense atopar os principais espazos naturais clasificados segundo o seu recoñemento oficial (parque nacional, reserva da biosfera, parque natural...) e agrupados segundo a súa localización xeográfica: provincia de Lugo, provincia de Ourense, Eurocidade Chaves-Verín, Trás-Os-Montes e Alto Douro, Área Metropolitana do Porto, Minho, Provincia de Pontevedra, Provincia da Coruña e un apartado especial para o Camiño de Santiago, o camiño natural da Eurorrexión.
SORTEO E CONCURSO
Esta acción de difusión e posta en valor do patrimonio natural da Eurorrexión compleméntase con sorteos de estancias de fin de semana en diferentes espazos de interese de Galicia e o Norte de Portugal, grazas á colaboración das entidades asociadas no Eixo Atlántico.
Por iso, Galicia Confidencial articulará nos vindeiros días un concurso nas súas redes sociais. O obxectivo é que os lectores respondan a unha serie de preguntas sobre o patrimonio cultural de Galicia e do Norte de Portugal. Os que respondan afirmativamente a todas as cuestións entrarán no concurso dunha fin de semana en CASA ROMUALDO, en Taboada.
Non é a primeira vez que o GC organiza concurso semellantes. En 2016 o lector Manuel Seijo resultou gañador do concurso sobre a historia da Gallaecia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.