Temas: VIGO PESCA MAR

Conxemar abre as súas portas coa promesa do Goberno de axilizar unha interprofesional mar-industria

O ministro Luís Planas anuncia unha campaña de promoción para "reforzar o consumo de peixe" e a internacionalización dos produtos conxelados.

Por E.P. | VIGO | 02/10/2018 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

A vixésima edición da Feira Conxemar abriu as súas portas este martes no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) con récord de expositores e países participantes e, por primeira vez, con 5.000 metros adicionais de superficie tras a ampliación do recinto.

Feijóo na inauguración da XX feira Conxemar
Feijóo na inauguración da XX feira Conxemar | Fonte: Europa Press

Durante o acto de inauguración do evento --no que participaron o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e outras autoridades políticas e empresariais--, o presidente de Conxemar, José Luis Freire, confirmou que este ano se superaron os 740 expositores, procedentes de empresas e organismos de 48 países, o que supón un incremento do 20 por cento con respecto á edición de 2017.

O ministro Luis Planas puxo en valor este certame, como "referencia nacional e internacional" para a industria de transformación de produtos do mar, e subliñou que Conxemar é o "instrumento de vertebración" máis importante do sector.

Nese escenario, o titular do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación subliñou que para o seu departamento é unha "prioridade" favorecer a saída de produtos a mercados internacionais, e apoiar ás organizacións empresariais para facelo. Segundo lembrou, recentemente convocáronse as axudas para estas asociacións, pero o ministerio "quixo dar un paso máis".

Así, expresou o seu compromiso de "axilizar" a tramitación dunha organización interprofesional do complexo mar-industria, que xa está en marcha co obxectivo de promocionar os produtos do mar conxelados, e visibilizar e pór en valor a produción "ante os consumidores", ademais de impulsar a internacionalización.

AGLUTINAR AO 43 POR CENTO DA INDUSTRIA

A ese respecto, lembrou que xa existen acordos de Conxemar con organizacións de Italia e Portugal, e indicou que este 'lobby' do sector pesqueiro e transformador "podería aglutinar até o 43 por cento desta industria" na UE. "A articulación do sector é un elemento fundamental para aumetar a súa presenza, a súa capacidade de regulación e conseguir mellores resultados na venda de produtos", incidiu posteriormente, en declaracións aos medios, e engadiu que, aínda que non pode dar prazos (porque a tramitación non depende enteiramente do Ministerio), a interprofesional "será pronto unha realidade".

Así mesmo, Luis Planas anunciou tamén a posta en marcha, por parte do ministerio, dunha campaña "para reforzar o consumo de peixe", e lembrou que España é a segunda consumidora deste produto na UE e a quinta do mundo, con 26 quilos de peixe por habitante e ano.

"MÁIS DE 10 MILLÓNS DE RETORNO"

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu en que Conxemar sitúa á cidade de Vigo como "capital da pesca" e "escaparate" internacional para esta industria, e augurou que, após a ampliación do Ifevi (cun investimento autonómico de case 4 millóns de euros, sobre uns terreos expropiados polo Concello), a vixésima será "a mellor edición" desta feira. O titular do Executivo galego subliñou a importancia desta cita, cuxo retorno económico se estima en 10 millóns de euros, ademais das cifras de negocio resultado das transaccións na propia feira.

ACCESOS AO RECINTO FEIRAL

Este ano, e como é habitual, os problemas de tráfico nos accesos á feira foron a nota negativa na inauguración de Conxemar. Así, desde primeira hora rexistrouse tráfico intenso nas entradas ao recinto desde a autovía, tanto desde o norte como desde o sur, con importantes retencións en hora punta (entre as 10.00 e as 12.00 horas).

Precisamente por iso, o presidente de Conxemar, durante a súa intervención no acto, subliñou que, "xa se conseguiu a pasarela peonil desde o aeroporto e a ampliación, e agora tocan os accesos". "A ver se o ano que vén nos melloran os accesos, sempre hai que pedir algo", chanceou.

En resposta a esa petición, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, proclamou que acepta "todos os retos", incluído o dos accesos ao Ifevi. A ese respecto, lembrou que estaban proxectadas varias rotondas nas inmediacións do aeroporto e do recinto feiral, pero que "falta unha, da que non se sabe nada desde hai 6 anos". O rexedor avanzou que exporá esa situación ao ministro de Fomento, José Luís Ábalos, que visitará Vigo este mércores.

Temas: VIGO PESCA MAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta