Por Xurxo Salgado | Lugo | 03/10/2018 | Actualizada ás 22:00
Patrimonio de Lugo quere deixar de protexer un castro polas actividades dun canteira. Así o acredita un extenso informe de Mariña Patrimonio e Adega remitido á Fiscalía e no que que se recollen numerosas irregularidades de funcionarios do servizo de Patrimonio da Xunta nesta provincia.
Segundo esta denuncia, á que tivo acceso Galicia Confidencial, tanto o arqueólogo deste servizo, como a xefa do Servizo de Patrimonio de Lugo, terían validado un informe no que propoñen deixar sen protección un castro situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá, e prácticamente destruído pola actividade dunha canteira, Cantera Trinidad. O informe tería como fin validar as actividades desta canteira a pesar dos danos causados ao castro. E iso, en contra dun informes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil que confirman os danos ao xacemento.
DESINVENTARIAR O CASTRO
Así, no seu último informe, o arqueólogo de Patrimonio de Lugo propón excluír o xacemento do preinventario da Xunta, sabendo que está inventariado e catalogado. De feito, figura xa catalogado xa desde os anos noventa como Castro da Trinidade, en Mondoñedo, co código de protección GA27030022, e tamén como Castro de Flores, en Lourenzá, co código GA27027012. En realidade, trátase dun mesmo ben patrimonial, pero ao estar dividido por dous concellos foi catalogado de xeito diferente.
O 11 de marzo de 2016 a xefa do Servizo de Patrimonio de Lugo coincide co arqueólogo na proposta de excluír o xacemento do preinventario, cando sabe que este ben está catalogado dende 1995. “A xefa do Servizo de Patrimonio tamén sabe que non é igual de sinxelo excluír un ben patrimonial do preinventario que excluír un ben Catalogado e, sobre todo, sabe que non hai os mesmos prazos”, recolle a denuncia presentada na Fiscalía.
Malia a que a inclusión do castro da Trinidade/Flores no PXOM de Mondoñedo foi revisado e
aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC), a xefa do Servizo de Patrimonio, Ana Carril, considera oportuno que se proceda á exclusión do xacemento do
PXOM de Mondoñedo a tan só tres meses de ser aprobado de forma difinitiva. “Exclusión que, sen dúbida, sería ben acollida polos propietarios da canteira e que legalizaría a posible destrución do castro”, indica o escrito.
Con todo, e a pesar do intento do Servizo de Patrimonio de Lugo para que o xacemento non fose incluído no PXOM de Mondoñedo, a súa solicitude non foi atendida, e o 13 de xuño de 2016 aprobouse o PXOM no que aparece catalogado como Castro da Trinidade. Unha protección que, con todo, non intimidou aos propietarios da canteira, que continuaron coa súa actividade.
Por iso, o 27 de xaneiro de 2017 Adega denunciou na Consellería de Economía, Emprego e Industria a situación ilegal da canteira. En resposta a esta denuncia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria responde que a empresa achega evidencias de que o castro está proposto para a súa exclusión do preinventario da DXPC, arquivando así a denuncia e permitindo que continúen os movementos de terras nun xacemento catalogado.
O 21 de febreiro de 2017 Mariña Patrimonio presenta unha nova denuncia perante a DXPC ao
considerar que os traballos da canteira poderían estar danando gravemente este xacemento
arqueolóxico catalogado. “Segundo a información da que dispoñemos, a día de hoxe a canteira continúa destruíndo este xacemento, sen que haxa ningunha actuación por parte da administración competente”, conclúe a denuncia.
DANOS IRREPARABLES
De feito, a empresa propietaria da canteira do Monte da Trinidade ocasionou xa danos irreparables, e de forma xeralizada, nun ben patrimonial catalogado dende 1995. E iso, malia as denuncias realizadas no 2008, 2016 e 2017. Mariña Patrimonio e Adega denuncian que o Servizo de Patrimonio de Lugo non actuou para evitar o avance da canteira, omitindo o seu deber de salvagardar o xacemento e de garantir a súa protección.
Estas entidades solicitáronlle a Patrimonio da Xunta en Lugo en varias ocasións información sobre estes feitos sen obter ningún tipo de resposta. Como consecuencia do seu reiterado hermetismo, solicitaron a documentación relacionada cos feitos, amparándose na Lei de Transparencia. Ao non obter tampouco ningunha resposta, acudiron ao Valedor do Pobo e, finalmente, decidiron elevar unha denuncia á Fiscalía tras confirmar que o Seprona tamén detectara irregularidades.
DESCUBRIMENTOS ÚNICOS
No seu informe do 2016, o arqueólogo de Patrimonio en Lugo, Ignacio Senín, apunta que nunha inspección realizada en 2008 atopou un fragmento de cerámica, que non puido datar nin adscribir culturalmente. Pola súa banda, o arqueólogo municipal de Mondoñedo, Abel Vigo, tiña remitido a Patrimonio un informe no que apuntaba con case total certeza que esa peza era de cultura castrexa.
Nesta inspección do castro da Trinidade-Flores, realizada en 2008 por Abel Vigo, atopouse tamén un excepcional machado votivo de bronce, que foi unha das pezas arqueolóxicas máis importantes das que se atoparon en Galicia nese ano. “O machado é unha peza de sobra coñecida por todo o mundo da arqueoloxía e, evidentemente, non puido pasarlle desapercibida ao Servizo de Patrimonio de Lugo”, apuntan no seu informe Adega e Mariña Patrimonio.
De feito, só hai outros dous machados votivos semellantes en Galicia, polo que o seu valor é excepcional. O Machado, ten representado un torques, que sitúa o xacemento nunha cronoloxía e nunha cultura moi concretas que se poden identificar coa cultura castrexa.
A XUNTA DI QUE O INFORME ESTÁ ARQUIVADO
GC confirmou que, desde a Consellería de Cultura non comparten os informes do Servizo de Patrimonio de Lugo. De feito, as fontes consultadas de maneira extraoficial apuntan que ese informe está arquivado. Con todo, confirman que ese castro xa estaría catalogado. “Quizais a confusión se deba a que está dobremente catalogado e, ademais, non como castro, senón como mosteiro. De aí as dúbidas do arqueólogo de Lugo”, xustifican as fontes consultadas.
Xa de xeito oficial, Cultura salienta que a canteira está autorizada desde 1997, mentres que o xacemento arqueolóxico Monte da Trinidade se incluíu no catálogo de patrimonio arqueolóxico protexido do PXOM de Mondoñedo, aprobado no 2016. "Isto é, a protección legal do xacemento arqueolóxico prodúcese neste momento, cando se aproba o PXOM. En consecuencia, actualmente está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia", indican desde este departamento.
Neste sentido, as intervencións que os propietarios da canteira queiran realizar deben contar coa autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. De feito, suliñan que este mesmo martes, un técnico deste servizo de Santiago desprazouse ata a canteira para comprobar in situ a situación. "Alí constatou que, dentro da área da canteira, existe un pequeno montículo, que é onde apareceu o material arqueolóxico e que foi preservado pola canteira dende entón", engaden.
E ademais, hai unha zona anexa onde os propietarios da canteira están realizando obras de peche. "Pese a que o peche en si non supón unha gran afección para o posible xacemento arqueolóxico, xa que se trata dunha simple malla metálica, ordenouse paralizar as obras", indican desde Cultura. Ademais de ordenar a paralización das mesmas, a Consellería vai abrir un expediente informativo para recabar todos os datos posibles sobre esta situación.
A maiores, lembran que no seu momento houbo unha interpretación diferente de carácter técnico sobre a protección do Monte da Trinidade, pero a Dirección Xeral considerou que a protección contemplada no PXOM de Mondoñedo era a oportuna. En todo caso, calquera petición de retirar un ben catalogado do PXOM precisa unha resolución favorable da Dirección Xeral e, antes de executala, habería que realizar unha serie de sondaxes arqueolóxicas na zona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.