A Monarquía non é neutral

A aprobación polo Parlament catalán dunha declaración a prol da abolición da Monarquía e máis a recente enquisa de Público (que reflectiu maioría a prol da República en Galicia, Asturies, Catalunya, Euskadi, Nafarroa, País Valencià e les Illes) volve pór no foco a cuestión da lexitimidade da Monarquía.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 14/10/2018

Comparte esta noticia
A Institución monárquica foi reinstaurada na dinastía dos Borbóns polo réxime  de facto do xeneral Franco, mais esta evidente falla de lexitimidade de orixe foi, de primeiras, subsanada pola ratificación democrática no referéndum constitucional de 1978. Claro é que non se consultou específicamente pola Monarquía, que foi votada en conxunto ao xeito de “lo toma o lo deja”. O propio Adolfo Suárez recoñeceu que non se convocou un referéndum Monarquía vs República porque contaban perdelo. Para máis, pasaron xa 40 anos, e somos  maioría, ben superior ao 70%, os que por razóns de idade non puidemos votar a Constitución.
 
Canto á lexitimidade de exercicio, a operación Rajoy-Rubalcaba do bipartidismo dinástico para salvar a Monarquía na primavera do 2014 substituiu a queimada imaxe do hoxe emérito pola dun xefe de estado seica abondo preparado. Mais , despois de máis de catro anos de mandato, El Rei convence moito máis aos uns ca aos outros.
 
Ao longo deste tempo, Filipe de Borbón e Grecia non asumiu a necesidade de alongar o apoio social á Monarquía. Mais ben coidou ben os seus acenos para proxectar unha imaxe unívoca da cidadanía española, da cidadanía monárquica. Unha imaxe unilingüe, uninacional e moi achegada á cosmovisión das dereitas.
 
Porque Filipe VI non tivo un aceno nestes catro anos e medio de mínima sensibilidade cara aos damnificados pola Grande Depresión. Non demostrou a súa preocupación a respecto dunha desigualdade que avanzou substancialmente nestes anos.
 
Aliñado contra a plurinacionalidade española, o actual xefe do estado escolleu bando cando optou pola dura intolerancia fronte Catalunya do seu discurso do 3-Ou. Un discurso escollido pola Casa Real sen a intervención de Rajoy-é dicir, escollido polo Deep State- na que non houbo uso ningún do catalán, nin concesión ningunha  ao diálogo. Hai un ano, en outubro de 2017, o Borbón escolleu ser rei de parte.
 
O Rei Filipe amosou un xorne ben máis autoritario, españolista e aristocrático ca o do seu pai, o rei emérito. A Monarquía non é unha Institución neutral. E esta convicción cidadá vai ser moi difícil que  este Rei poida superala.
 

Felipe VI, no discurso de Nadal
Felipe VI, no discurso de Nadal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.