Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 17/10/2018 | Actualizada ás 13:55
Sucédense as reaccións políticas e sindicais ao peche da factoría de Alcoa na cidade da Coruña. Unha nova que semella que colleu por sorpresa a todos. Esta é a cronoloxía das reaccións inmediatas ao anuncio da multinacional.
13:50h - O sindicato CCOO non entende esta medida, xa que "a fábrica está a dar beneficios". O sindicato e os traballadores mobilizaranse en defensa dos postos de traballo. Neste mesmo momento estanse a concentrar diante da factoría para impedir a saída de camións con materia prima".
13:55h - O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticou a xestión do Goberno central e que non gastase a partida económica reservada nos orzamentos xerais de 2018 para empresas electrointensivas, tras o anuncio do peche das plantas de Alcoa na Coruña e en Avilés.
14:15h - Os gobernos de Asturias e de Galicia tentarán buscar unha solución "conxunta" ante o anuncio de peche das fábricas de Alcoa en Avilés e A Coruña. Neste sentido, está previsto que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o do Principado, Javier Fernández, se reúnan esta semana.
15.34h - O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo traslada a súa sorpresa e preocupación pola decisión de Alcoa xa que, segundo sinala, a empresa "nunca informara de que podía adoptar unha decisión neste sentido" nas reunións mantidas no últimos tres meses.
15.39h - O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reclama á Xunta e ao Goberno central "unha fronte común" para evitar o peche da planta de Alcoa na cidade. Avanza a súa intención de porse en contacto co conselleiro de Industria e coa ministra, ademais de con os traballadores, após facelo xa co director da factoría na Coruña.
15.43h - A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclama ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se poña á fronte da negociación con Alcoa para evitar o peche da planta da Coruña e garantir o cento por cento do emprego.
16.08h - Os traballadores da planta de Alcoa da Coruña avanzan mobilizacións contra o anuncio do peche desta factoría, á vez que chaman ás administracións públicas a buscar "solucións" para manter o emprego dos 369 empregados da fábrica. Juan Paseiro, delegado de UGT en Alcoa A Coruña, emprazou o Goberno central e a Xunta a "presionar a Alcoa" para que retire o expediente de despedimento colectivo e para ver a "mellor forma de facer viable" esta fábrica.
16.46h - Os socialistas coruñeses solicitan ao Goberno central —do PSOE— "medidas" que impidan o peche da planta de Alcoa, tras o anuncio realizado a este respecto pola empresa. Tanto a Agrupación Socialista coruñesa como o grupo municipal culpan o goberno do PP da actual situación, que vinculan tamén co "encarecemento da electricidade no últimos seis anos".
20.08h - A portavoz de Ciudadanos, Olga Louzao, mostrou este mércores o seu rexeitamento ao peche da fábrica de Alcoa na Coruña, á vez que fixo un chamamento á "unión" ante a perda de postos de traballo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.