Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2018 | Actualizada ás 16:08
Os traballadores da planta de Alcoa da Coruña avanzan mobilizacións contra o anuncio do peche desta factoría, á vez que chaman ás administracións públicas a buscar "solucións" para manter o emprego dos 369 empregados da fábrica.
Juan Paseiro, delegado de UGT en Alcoa A Coruña, emprazou o Goberno central e a Xunta a "presionar a Alcoa" para que retire o expediente de despedimento colectivo e para ver a "mellor forma de facer viable" esta fábrica.
Explica que o inicio do procedemento de expediente será o 31 de outubro e segundo a lei haberá 30 días para a súa negociación. Todo iso, despois de que a empresa lles trasladara que contan con "perdas inasumibles polo prezo da tarifa eléctrica que se disparou moitísimos máis do previsto" e obriga ao peche das plantas da Coruña e Avilés, segundo a versión da multinacional.
"Se este non é un problema grave para actuar, os políticos terían que dedicarse a outra cousa", reflexiona Paseiro, quen resalta que "teñen capacidade para resolver este problema a través da tarifa eléctrica". Tamén pon o foco sobre que na Coruña "se fai aluminio de calidade" e "é unha industria estratéxica que se se perde non se recupera".
"En 2014 si que se levantou o expediente no último momento, pero esta vez entendemos que os tiros non van por aí", lamenta Paseiro sobre a opción de que a empresa dea marcha atrás a esta decisión. E é que lembra que Alcoa comezou en España con 11 plantas "pero a día de hoxe só hai tres", mentres a compañía aposta por fábricas noutros países onde producir lle resulta máis rendible, como Noruega.
"A Alcoa xa non lle interesa máis este país, son os últimos 'coletazos'", avisa. E é que lembra que a empresa "vén desde hai anos dicindo que en España é difícil producir porque o prezo da enerxía é moi alto".
"Nin os traballadores nin o Goberno podemos permitir que pechen as plantas así, sen máis, nun mes e sen ningunha explicación, porque desde hai anos sabemos como está a tarifa eléctrica en España", censura.
MOBILIZACIÓNS
Logo de ser informados pola compañía esta mañá, os traballadores comezaron a concentrarse na entrada da fábrica para impedir a saída de camións. A partir das 17.30 horas estaba prevista unha asemblea para decidir que mobilizacións realizar.
Deste xeito, o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, deixou claro que os traballadores van "responder" ante esta decisión da empresa.
Ante esto, Paseiro apunta que "se non queren seguir en España que negocien unha solución viable para A Coruña e Avilés", mentres remarca que "unhas 600 familias" viven desta fábrica, entre empregos directos e indirectos na Coruña
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.