Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2018 | Actualizada ás 17:47
O PSdeG escenificou a súa distancia cara á comisión de investigación sobre o accidente ocorrido durante o mes de agosto durante o festival do Marisquiño de Vigo, no que resultaron feridas 467 persoas. Así, evitou participar no primeiro debate, de carácter técnico nesta ocasión, no que se abordaron as normas de funcionamento deste órgano parlamentario, impulsado por BNG e En Marea e que contou coa abstención do PP, o que permitiu a súa creación.
De feito, as normas propostas pola Mesa da Comisión de investigación coinciden coas da outra na que se indagará sobre a situación da sanidade pública. A diferenza do que os socialistas fixeron na comisión que, precisamente, impulsou toda a oposición, o PSdeG non chegou a presentar sequera emendas ás normas de funcionamento no órgano que investigará o accidente do Marisquiño.
De feito, nos corredores do Parlamento tras a constitución da comisión de investigación, o vigués Abel Losada, que este mércores rexeitou participar, tachou este órgano de "espurio e partidista" e suxeriu que a súa formación non participará se "a maioría absoluta as controla e fai o que literalmente queira".
Finalmente, as normas foron aprobadas tal cal as propuxo a Mesa da Comisión, de maneira que foron rexeitadas as peticións da oposición para que as conclusións do relatorio fosen aprobadas por unha maioría cualificada ou para incluír a fórmula (usada no Congreso) de pregunta-resposta, que permitiría máis "axilidade" nas comparecencias, en palabras de En Marea e BNG.
NORMAS "IDÉNTICAS"
Na súa intervención, o portavoz do PPdeG na comisión, Alberto Pazos Couñago, apelou a que as normas que se aprobaron finalmente son "idénticas" ás que se propuxeron para a comisión sobre a situación da sanidade pública e escudouse en que, co bipartito, tampouco se usaron as maiorías cualificadas para sacar adiante os relatorios.
Doutra banda, sobre o artigo catro, que inclúe a posibilidade de que algunha comparecencia se realice en relatorio, Pazos Couñago defendeu que se trata de garantir a privacidade de testemuños se así se require por cuestións "legais", aínda que lembrou que "non se usa habitualmente".
"Imos manter as mesmas normas para a comisión que tanto lle gusta e a que tanto lle molesta", resolveu Pazos Couñago, quen lamentou que Abel Losada non participase no debate.
INTERVENCIÓNS DE EN MAREA E BNG
No debate, o portavoz de En Marea, Luís Villares, na liña do que comentou tamén o deputado do BNG, subliñou que se trata de saber "o que sucedeu coa finalidade de aprender cara ao futuro". Así, defendeu que o ámbito parlamentario abarca lugares que "non chega ao xudicial".
Ademais, o nacionalista Luís Bará referiuse ao accidente ocorrido o pasado mes de agosto para incidir en que é necesario "manter o foco" sobre esta cuestión, posto que pasado o sinistro, "parece que aos poucos días desapareceron as vítimas" e agora teñen que vivir o "calvario" de ter que enfrontarse a un "certo desamparo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.