Movementos sociais "indignos"

Nin maio do 68 nin a nova praza de Tahir; o movemento dos indignados pasou, máis ben, sen pena nin gloria o día das eleccións.

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 27/05/2011

Comparte esta noticia

Os que esperaban acampados a unha revolución social, un cambio de sistema ou un implacábel castigo para os partidos que máis venden nas grellas televisivas non poderán ocultar a súa desilusión tras os resultados electorais.

Ninguén máis esperaba algo diferente; nin os propios triunfadores nas eleccións, nin aqueles cidadáns que acudiron á chamada das urnas, nin sequera aqueles que asumen o rol de perdedores porén son tan triunfadores como os primeiros, parte indisolúbel do sistema paritario de alternancia política que os devolverá ao lugar que agora ocupan aqueles, unha vez remate este novo ciclo de entre 4 e 12 anos.

Fico abraiado por que alguén pense que democracia real é achegarse en grupiños a unha praza, cunha tenda e sacos de durmir, a facer churrascadas e queimadas. A democracia irreal - denominada así por contraposición- coas súas virtudes e defectos, é unha conquista social, un logro acadado por grupos humanos moito máis numerosos, máis organizados, máis independentes e cunha construción ideolóxica moita máis elaborada e estruturada.

Ese sistema xurídico conquistado ofrécenos unha serie de ferramentas que, utilizadas sabiamente, deberían resultar moito máis efectivas que o cámping e o botellón. Aínda que é certo que a constitución española recoñece o dereito de reunión e manifestación (art. 21), no caso anárquico das mobilizacións dos indignados atopo dúas contradicións: ese dereito non ten ningún sentido se non se exerce para facer reivindicacións concretas; segundo, é incomprensíbel exercer un só dos nosos dereitos sociais e renunciar ao resto, id est, renunciar aos dereitos de asociación (art. 22), de participación política (art. 23) e de participación sindical (art. 28).

Fico, no lado positivo, coas ganas que ten o persoal de cambiar as cousas e ser partícipes dese cambio. Con todo, hai que ser realistas e decatarse de que ese cambio non será posíbel namentres a maioría da xente non supere o seu desapego político, entendido non como unha falta de criterio, que todo o mundo posúe, senón como renuncia consciente a manter calquera outra actividade política que non sexa o voto e a parranda nihilista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.