Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2018 | Actualizada ás 22:00
O holding Inditex converteuse en tres décadas nun dos referentes empresariais non só en Galicia, senón arredor do mundo. Quizais sexa un dos modelos de desenvolvemento de negocio máis nomeado e imitado dentro e fóra das provincias galegas. Pero tamén, durante moito tempo, os empregados e as empregadas desta compañía non manifestaban ningunha opinión sobre as condicións laborais dos seus postos.
Todo cambia en 2017 cando as traballadoras das tendas Berska, outra cadea do grupo Inditex, na provincia de Pontevedra, deciden ir á folga para non seren recolocadas fóra da provincia como pretendía a empresa. Logo de negociacións e cunha incidencia mediática case nula, pero que lle fixo ter en conta a Inditex a mala publicidade destas accións, asinouse un acordo. Pero como di Transi Fernández de CIG-Servizos “estanlles facendo pagar as consencuencias con máis carga de traballo, non hai substitucións para baixas ou despedimentos”. Neste último caso, Fernández lembra que “ata o quinto día de folga non editaron nada en grandes medios, só os medios desvinculados das grandes cabeceiras, pero cando as noticias saíron das fronteiras como digo eu, si que comezaron a publicar e emitir noticias”.
ELECCIÓNS SINDICAIS
“A táctica de silencio sobre o problema das tendas Lefties é para non visibilizar de máis o conflito”, di Transi Fernández quen sospeita que o motivo é “que en decembro temos as eleccións sindicais”. Xunto a isto, un dos motivos das protestas actuais son as máquinas autocobro, para que os e as clientas realicen as tarefas de pagamento, retirada da chapa magnética e así ir baleirando de contido o traballo das empregadas que atenden as caixas tradicionais. O movemento actual das traballadoras nas tendas Lefties está sendo obviado ou esquecido pola dirección. Mesmo as caixas de autopagamento foron colocadas sen ningún aviso de cara o público. O persoal si tiña coñecemento con antelación.
“O que sucede é que a xente que acode ás tendas e usa as máquinas está facendo un traballo que lle correspondería ao plantel de empregados e empregadas” di Carmiña Naveiro, tamén da CIG. Doutra banda, fontes sindicais apuntan que o silencio actual da empresa podería ter a intencionalidade de influír no resultado electoral para as sindicais de decembro. As mesas de comité de empresa nas dúas cadeas, Zara e Leftis son importantes para o holding. As mesmas fontes sinalan que falar coa prensa para a empresa sería dar pé para volver falar cando haxa outro conflito.
INFORMES PSICOSOCIAIS
A elaboración de estudos psicosociais sobre as condicións laborais internas dos e das empregadas en Lefties, segundo apuntaban fontes sindicais, indicaban unha baixa na calidade do traballo e por tanto, afectaba ao rendemento do persoal. “As condicións nas tendas da Coruña, Ferrol e Santiago empeoraban en cada novo informe” di Carmiña Naveira.
O caso é que eses informes non trascenderon á maioría dos traballadores e traballadoras. “Entre outras cousas, denunciamos o incremento da carga de traballo” di Naveira. “Agora envían cinco camións cheos de mercadoría todas as semanas”. A consencuencia é que o ritmo de traballo se incrementa a un punto que o cadro de persoal non pode dar saída a todo o material que lle achegan os camións.
As condicións de traballo que non se visibilizan por parte dos consumidores e consumidoras é que, por exemplo, coas máquinas de autocobro xa mencionadas, a empresa tería a oportunidade de non aumentar o número de empregados e empregadas. “Sobre iso, a empresa di que é o avance das novas tecnoloxías” di Naveira que tamén afirma “só existe interese en ter beneficios sen importar poñer en risco tanto a saúde dos traballadores e traballadoras”.
A día de hoxe, os estudos psicosociais do ano 2018 están sen realizar. Para fontes sindicais isto apunta a que “son sabedores de que serían os peores resultados en moito tempo”. Este punto xa foi presentado diante de Inspección de Traballo. Con todo, as fontes consultadas non esperan que se resolva en breve. Todo sabendo que a empresa é coñecedora debe facer este tipo de informes. “A dirección da empresa Lefties sabe que debe realizar eses estudos, pero estase negando”.
O escurantismo que envolveu ata hai ben pouco ao holding Inditex parece que pouco a pouco vai caendo. Non obstante, a intención do conglomerado empresarial de Amancio Ortega é manter unha discreción total e absoluta no que toca ao funcionamento interno. Todo apunta que o motivo é evitar a toda costa darlle publicidade aos movementos dos traballadores e traballadoras, enfatizando aquilo positivo para Inditex. “Hai empresas que falan, contrastan mesmo se é para negar acusacións, pero neste caso temos maioritariamente o silencio por resposta”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.