Coñece BioIncubatech, a primeira incubadora de alta tecnoloxía especializada en biotecnoloxía de Europa

Propiciará a creación de micropemes nos sectores de biotecnoloxía en ciencias da saúde e de biotecnoloxía alimentaria.

Por GC Emprende | Compostela | 23/10/2018 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

BioIncubaTech, Incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes, é a primeira incubadora especializada en Biotecnoloxía de Galicia. É unha proposta impulsada pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela que conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

Presentación de BioIncubaTech, Incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias
Presentación de BioIncubaTech, Incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias

O proxecto acadou a máxima puntuación da convocatoria da Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación INCYDE) e será financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con 1,48 millóns de euros. Ademais, a iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación por tratarse dun proxecto aliñado cos obxectivos da RIS3 e da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020. Na base de BioIncubaTech atópanse as capacidades, infraestruturas científicas e coñecemento disruptivo no campo da biotecnoloxía da USC, refrendado por apostas institucionais estratéxicas como pode ser Campus Vida.

Esta incubadora especializada consta dunha primeira fase de dotación e mellora de infraestruturas para cubrir as necesidades específicas da creación e primeiras fases de vidas das empresas deste sector. Tamén despregará todo un abano de programas de apoio á creación e maduración de novas empresas agrupados en catro eixos de actuación: fomento da transferencia de coñecemento e innovación; captación de talento directivo; cooperación e despregue internacional; e consecución de recursos financeiros.

OBXECTIVOS

Entre os obxectivos da súa actividade, esta incubadora propiciará a creación de micropemes nos sectores de biotecnoloxía en ciencias da saúde e de biotecnoloxía alimentaria, así como a mellora da competitividade das empresas dos sectores bio, ciencias da saúde e tecnoloxías alimentarias a través da transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento de accións de incubación, fomento da innovación, mentoring, networking e accións de comunicación e promoción.

Outros dos fins desta incubadora serán a transferencia da tecnoloxía real ao sistema produtivo, producindo o dobre efecto de mellora da competitividade, pero tamén de sustentabilidade da propia acción de I+D+i; así como o acompañamento das empresas no proceso de internacionalización das súas cadeas de valor, fomentando, o alcance de acordos tecnolóxicos e comerciais con partners estratéxicos nacionais e internacionais, o desenvolvemento de clientes ao longo de todo o globo e, en definitiva, a ser actores relevantes nos mercados globais. Finalmente, a incubadora buscará o impulso da internacionalización das actividades de investigación e desenvolvemento, especialmente no ámbito da transferencia de tecnoloxía, a colaboración inter e intrasectorial, a captación de talento e o uso compartido de equipamentos punteiros.

BioIncubaTech presentouse publicamente e iniciou as súas actividades este martes nunha xornada dirixida a emprendedores/as e pequenas e medianas empresas do sector biotecnolóxico, a saúde e as tecnoloxías alimentarias. A presentación permitiulles coñecer os oito módulos de incubación dispoñibles en Emprendia, así como as instalacións de infraestrutura científico-técnica centralizada, que inclúe unha sala de cultivo celular, outra de bioloxía molecular e unha sala branca. Ademais, BioIncubaTech ofrecerá acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta