Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/10/2018 | Actualizada ás 23:33
Medio cento de entidades, entre as que figuran asociacións de propietarios forestais, viveiros, empresas de servizos, empresas de primeira e segunda transformación da madeira, prescriptores, firmas de distribución e outras institucións asinaron este mércores un pacto histórico. O seu obxectivo é impulsar a plantacións de piñeiros, e non de eucaliptos, e recuperar a superficie dedicada a coníferas en Galicia, así coma a mellorar as masas existentes.
O compromiso do conxunto do sector enfócase, din, a impulsar a produción de “madeira de calidade”, para o que se fomentará a mellora xenética dos piñeiros e o seu bo manexo silvícola no monte, a fin de obter madeira recta, sen nós e apta para usos industriais de alto valor engadido.
Desde hai anos, as masas de piñeiro do país (Pinus Pinaster) e de piñeiro insigne (Pinus radiata) están en retroceso por diversos factores, coma uns prezos de mercado non competitivos, a falta de planta de calidade ou a aplicación de modelos silvícolas pouco axeitados para os requirimentos das industrias. “Esta situación, de non producirse un cambio, levaría a medio prazo a un forte descenso nas existencias de madeira de piñeiro”, apuntan. “Tal escenario é preocupante para a industria que consume piñeiro, pero tamén para os silvicultores, que deben dispoñer de opcións para diversificar os seus investimentos no monte”, engaden os produtores.
PREZOS DA MADEIRA
Por iso, o sector definirá proximamente uns prezos mínimos de referencia para esta madeira de calidade, de xeito que a súa produción sexa suficientemente atractiva para os propietarios forestais. A diferenciación por prezo da madeira de calidade de piñeiro acompañarase doutras dúas accións estratéxicas; a mellora xenética das coníferas e o fomento de modelos silvícolas que permitan obter bos resultados, tanto en plantacións como en montes de rexeneración natural.
Proximamente, definiranse comarcas piloto nas que se iniciarán actividades formativas e de divulgación. Tamén está prevista a creación dunha rede de montes demostrativos que permitan visualizar resultados e que dean apoio ós programas formativos de tratamentos silvícolas (podas, claras, etc.).
Outro eixo estratéxico do acordo subscrito este mércores consiste na promoción do uso e consumo da madeira de coníferas de Galicia, de xeito que a sociedade galega e os consumidores coñezan os produtos elaborados a partir dun modelo forestal sostible, que sitúan a Galicia na primeira liña da innovación e da economía circular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.