Vivir en liberdade, vivir en democracia, presupón vivir nun réxime onde a expresión das ideas non pode ser perseguida penalmente. Evidentemente, o problema non está nas críticas construtivas, moderadas, sistémicas. Porque a liberdade de expresión o que xustamente defende é a difusión das ideas menos conformes co criterio social maioritario, as críticas máis acedas e mesmo menos fundadas a respecto dos Gobernos, Igrexas, Xefes de Estado e poderes económicos, sociais, políticos e relixiosos. Porque a liberdade de expresión conleva o dereito de refugar ácedamente calquera Autoridade ou calquera valor ou consenso maioritario.
Velaí a conveniencia de derrogarmos preceptos penais desaquelados e de moi dubidosa constitucionalidade, como os que penan as inxurias ao Xefe do Estado e restrinxir moi radicalmente o ámbito dos delictos contra dos sentimentos relixiosos ou de odio para penar só ás chamadas directas, unívocas e potencialmente eficaces na praxe a cometer delictos graves contra a Autoridade e os seus axentes e/ou contra minorías concretas por razóns discriminatorias. Na dúbida, nin acusar nin moito menos penar.
Caso especial é o da apoloxía do terrorismo etarra. Porque éste desapareceu no outono de 2011, mentres que as penas por apoloxía do terrorismo etarra medraron substancialmente dende o 2012. Absurdo, xa que a apoloxía só debe castigar as condutas que ameacen con accións terroristas concretas e xustifiquen directamente as mesmas. Sen banda terrorista non pode haber apoloxía efectiva.
Tampouco a ficción, a creación literaria ou artística, poden constituir delicto ningún. O caso Valtonyc ven de amosar que o Dereito Penal español neste eido choca coa aplicación europea do mesmo. Porque a función do bufón sempre foi a de criticar e mesmo ridiculizar ao Poder. Mais esta total despenalización da ficción cómpre non só que sexa aplicada na orde xurídico-penal senón tamèn na censura social do políticamente correcto. Nin Siniestro Total quería insultar aos musulmàns (“Ayatollah, no me toques la pirola…”) nin Loquillo (“La mataré”) ou Roberto Cantoral (“El preso nº 9”) querían xustificar o feminicido.
Ao final non é tan difícil. Trátase de se pór do lado do bufón. E, sobre todo, de aplicarmos o sentidiño.