Unha hora de estudo custará un euro na USC

Este luns 5 comeza a XVI Olimpíada Solidaria, que durante un mes intercambiará horas de estudo en bibliotecas por euros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/11/2018 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

Euros por horas de estudo. Ese será o obxectivo da décimo sexta edición da Olimpíada Solidaria de Estudo, creada pola ONGD Coopera e coordinada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU).  Así, dende o luns 5 de novembro ata o 5 de decembro, calquera estudante que se achegue ás bibliotecas da Universidade de Santiago poderá trocar unha hora de estudo por un euro para un proxecto solidario, nesta ocasión en Senegal.

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago
Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

A mecánica é moi sinxela: en cada sala de estudo habilitarase un terminal informático no que o alumnado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída do local. Para que se poida realizar o cómputo deberase acumular un mínimo dunha hora e un máximo de catro, período logo do que deberían volver introducir a tarxeta se queren seguir contabilizando tempo e, por extensión, cartos.


Este ano a USC conta para o proxecto coas zonas de estudo das bibliotecas de Formación do Profesorado e de Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, a Biblioteca Xeral e a Concepción Arenal, así como a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

PROXECTO EN SENEGAL

Coas horas de estudo que se reúnan este ano apoiarase a implantación do Ciclo de Primaria na Escola Infantil Arco Iris de Senegal, onde se imparte educación de calidade, clases de inglés e castelán, se programan actividades culturais, se lles realizan controis sanitarios ás nenas e nenos e se complementa a súa nutrición.

Mais as alumnas e alumnos que finalizaron infantil necesitan continuar os seus estudos, para o cal terían que trasladarse a outros colexios da zona con aulas saturadas e moi distantes das súas casas. A ampliación deste centro ha permitirlles ás distintas promocións continuar co novo ciclo oficial de ensino de 6 a 11 anos na que foi ata agora a súa escola, evitando así o risco que implicaría para os menores transitaren eles sos por traxectos perigosos e cruzamentos de estrada.

Para acadar máis información poden dirixirse a Ernesto Gómez, coordinador da Olimpíada na USC no teléfono 881.812.858 ou en sepiu.santiago@usc.es.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta